A Intelixencia Artificial no sector cultural pode supoñer un gran avance na transformación dixital das empresas. Isto podería traducirse nun aumento do rendemento, unha mellor interacción cos públicos grazas ao coñecemento das súas demandas e ao gusto persoal das experiencias, unha oportunidade para difundir a cultura e a lingua, especialmente interesante no uso de idiomas como é o caso do galego, e unha ferramenta para a recuperación e conservación do patrimonio.
Porén, tamén pode introducir riscos considerables, como a substitución da creatividade humana por unha artificial, a reprodución de nesgos e a vulneración de leis ou preceptos sobre propiedade intelectual.
No momento actual, cando aínda hai máis incertezas que evidencias sobre o impacto desta tecnoloxía no sector cultural, resulta interesante analizar a opinión das e dos profesionais da cultura galega. Isto permite coñecer o grao de implantación das ferramentas intelixentes nas súas entidades e recoller as súas consideracións, prognósticos ou previsións sobre as consecuencias, tanto positivas como negativas, da súa aplicación. Velaí o documento de traballo “A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións”, producido polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura, presentado días atrás e dispoñible na web do CCG. Un informe elaborado cos datos do Barómetro da Cultura Galega de 2024, valiosa ferramenta para a análise e seguimento do sector cultural en Galiza, que inclúe entrevistas a profesionais de máis de mil entidades culturais, entre as que se atopan artistas, empresas, autónomos, administracións públicas e asociacións.
Como se reflicte neste informe, moitas das persoas abordadas na sondaxe confían nas vantaxes da tecnoloxía avanzada, pero tamén temen as súas posibles consecuencias negativas. Os datos mostran claramente que a intelixencia artificial chegou para ficar no sector cultural e que a súa presenza verase ampliada notablemente nos vindeiros anos. Non se pode atar o vento. Abofé, non.
Nos últimos anos, especialmente nos máis recentes, a intelixencia artificial introduciuse en varios aspectos da vida cotiá a través dos teléfonos avanzados ou as computadoras de sobremesa para comunicacións, lecer e acceso ás administracións públicas. Este contacto inicial coa intelixencia artificial serve para rachar barreiras de entrada ao seu uso profesional. Claro é, ademais de coñecer a súa existencia e potencialidades, é importante dispor do coñecemento necesario para utilizala.
Así que, mentres a intelixencia artificial vai facendo das súas e se infiltra no noso sector cultural, nós, os humildes mortais, imos observando entre atónitos e curiosos. Quizais un día atopemos robots escribindo en galego ou organizando festivais de cultura tradicional. Pero, non nos enganemos, porque aínda que a tecnoloxía poida ser a nova estrela, a auténtica alma da cultura galega segue latente na creatividade humana. E iso é algo que ningún código fonte poderá replicar.