Días de festa

Sen dúbida ningunha, estamos na etapa do ano nas que máis festas celebramos por todo o ámbito deste curruncho planetario que habitamos as persoas que nos identificamos como galegas. Si, festa rachada que é parte nuclear do verán atlántico. Por iso, o substantivo feminino “festa” é, para o dicionario da RAG, expresión do conxunto de actos de carácter alegre organizados co fin de celebrar ou conmemorar un feito, de lembrar a un personaxe, sexan estes civís ou relixiosos. Suma o significado do día en que se celebran eses actos; diversión ruidosa e cousa que dá alegría. No plural, é conxunto de días de festa; porque iso de pasou o día, pasou a romaría, non sempre é certo.
 

As festas populares son unha expresión da cultura, a identidade e a diversidade dos pobos. A través delas, transmítense valores, tradicións e costumes que reflicten o modo de vida e o sentir das comunidades. En Galiza, as festas populares teñen un papel social importante, xa que contribúen a fortalecer os vínculos entre as persoas, a preservar o patrimonio cultural e a dinamizar a economía local. Entre as festas galegas, pódense distinguir varios tipos segundo a súa orixe e o seu significado. Por unha banda, están as de celebración relixiosa, e que adoitan incluír procesións, ofrendas, misas e romarías. Doutra banda, están as festas de efeméride de acto histórico, que lembran algún acontecemento relevante para a historia ou a identidade do país ou da localidade celebrante, e que adoitan implicar recreacións, representacións ou actos simbólicos. Ademais, están as de promoción de produtos gastronómicos, que teñen como obxectivo difundir e valorar a riqueza culinaria deste rico territorio, e que adoitan ofrecer degustacións, concursos, feiras ou mercados. Finalmente, están as festas doutros eventos, que responden a motivacións diversas e que adoitan ter un carácter lúdico, artístico ou cultural. Todas estas festas son unha mostra da riqueza e a diversidade que caracteriza ao pobo galego, e unha oportunidade para gozar, aprender e compartir coas nosas xentes. Por iso, é importante respectalas, coidalas e apoialas, para que sigan sendo un referente social e cultural presente e futuro.
 

Porén, este instrumento cultural lícito e necesario ten unha faciana que pide reflexión relacionada coa falta de singularidade, parca contribución cultural á personalidade do país e desleixo a respecto das necesidades lingüísticas que potencien o idioma propio derivada da modalidade de optar por un xeito de festa alleo á nosa tradición, tirado dunha fórmula importada. Non todas son así, é notorio, mais fica unha oportunidade perdida de dar cumprimento ás medidas acordadas por unanimidade no “Plan xeral de normalización da lingua galega”, para  promover a produción cultural que nos distingue, motivando a todo o circuíto de axentes que participan na dinámica da celebración a sumarse a esta causa; facendo ademais fincapé na vinculación das axudas públicas coa implicación efectiva do cumprimento deste fin. Asegurar “mil festas máis para lingua e cultura galegas”.

Días de festa

Te puede interesar