E a saúde, como vai?

Para moitas persoas o considerado Día da Saúde é o coincidente coa frustración de non ter acadado o cobizado premio agardado no sorteo da lotaría do Nadal; e daquela, unha típica expresión perante o fracaso é: O importante é ter saúde. Certo, ese bo estado e funcionamento do organismo medido polo conxunto das condicións físicas e psíquicas; e, tamén, as de carácter social e medio ambiental. Por iso, no institucional Día Mundial da Saúde que se vén celebrando, cada 7 de abril, a instancias da OMS, escolleuse o lema “O noso planeta, a nosa saúde”, pola conexión inseparábel entre a Terra e a nosa saúde. Hora de instar ás persoas, aos gobernos e ás organizacións internacionais para poñer en valor as medidas e iniciativas para protexer ao noso planeta que é básico para coidar da nosa saúde.

Segundo estimación deste ente multilateral, rexístranse máis de 13 millóns de mortes ao ano como consecuencia de causas ambientais que poderían evitarse. Entre estes eventos eludíbeis sitúan á crise climática, definida pola OMS como “a máis grande ameaza para a saúde que enfronta a humanidade”.

Sabemos ben que debido ao quecemento do planeta, os mosquitos propagan as enfermidades máis lonxe e máis rápido que antes. Os fenómenos meteorolóxicos extremos, a degradación do chan e a escaseza de auga están a desprazar ás persoas e afectando á súa saúde. A contaminación e os plásticos chegan ata o fondo dos nosos océanos máis profundos, ás montañas máis altas, e abríronse paso na nosa cadea alimentaria. Os sistemas de fabricación de alimentos e bebidas moi transformados, e pouco saudables, están a impulsar unha onda de obesidade, aumentando o cancro e as enfermidades cardíacas, á vez que xeran un terzo das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Velaí está a pandemia do Covid-19 que sigue entre nós e non vai desaparecer a curto prazo, malia que os gobernos de quenda pretendan a súa transformación nunha especia de “Gripe 2.0”, galopante no resto do mundo impedido de contar coa vacinación da máis grande parte da xentepola política de lucro outorgado ás vacinas.

Constatación das debilidade do noso sistema sanitario, consecuencia dos embates, os recortes e as privatización da crise anterior á pandemia, dos que aínda non se recuperou; alén das declaracións grandilocuentes baleiras de contido real, sen medidas orzamentarias e actuación eficiente, coas que se comprometeron as autoridades en reforzar a Sanidade Pública; verdadeiro muro de resistencia nos peores momento da catástrofe sanitaria.

Non debe sorprender que no último Barómetro Sanitario, recen saído do forno ministerial, o 60 por cento da poboación di non está satisfeita coa degradación do servizo de Atención Primaria, forzado á relación telefónica. Moito menos coa demora na atención, o crecemento das listas de agarda, a falta de profesionais, o peche de centros ou mesmo da suspensión de intervencións. Daquela; a saúde, vai ben?

E a saúde, como vai?

Te puede interesar