O facho da rebelión

Facho é lume que se acendía no cume dun monte para guía dos mariñeiros, razón pola que continúa a nomearse así aos lugares elevados nos que se pode facer tal labor. Porén, é símbolo tamén de quen lidera, por acción ou por intelixencia activa, un proceso político e social. Velaí o recoñecemento debido, no ano do bicentenario do seu nacemento, á figura histórica de Antolín Faraldo, un dos precursores dese movemento político que sentou a bases do actual nacionalismo galego partindo desde o “provincialismo” que anticipou o rexurdimento, nun momento decisivo da concienciación galeguista. Lembranza da importancia do seu papel naquel “Abril de lume e ferro”, metáfora elevada a título de obra teatral para honra e memoria dos Mártires de Carral, escrita por Manuel María a mediado dos anos setenta, laureada no certame teatral de Ribadavia dese ano, a súa vez premiada como guión cinematográfico no desaparecido grupo “Nós”, daquela creado, como xermolo pioneiro, para desenvolver un cinema galego que agora acada xa dimensión mundial. Tardou quince anos en ver a luz en formato impreso grazas precisamente ao Concello de Carral onde se desenvolveron os tráxicos sucesos da Revolución Galega de 1846, a xeito de acto final, lembranza do fusilamento sumarísimo e vingativo da oficialidade militar rebelde, que na realidade obrou como “semente de futuro” no impulso da conciencia política do propio, un ideario ben expresado polo poeta autor da obra: “Galiza é o empeño máis fermoso, o pulo transcendente máis cabal, un ideal vivo, virxe e poderoso, unha esperta conciencia comunal”.


Proceso histórico no que Faraldo amparou socialmente e aproveitou, nunha conxuntura favorábel, a rebelión militar progresista contra o goberno conservador de Narváez, para promover un poder civil propio do país, arrastrando tras de si centos de estudantes e axudando a instaurar unha Xunta Superior de Goberno Provisional de Galiza, da que foi secretario, disposta para aplicar unhas medidas que el sintetiza así, na proclama da súa constitución: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, conságrase constantemente a engrandecer o antigo Reino de Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria. Para conseguilo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir fontes naturais da súa riqueza á agricultura e ao comercio; e poñer en harmonía coa época os hábitos e as ideas que deixou unha sociedade decrépita...” encamiñados para conquistar a influencia merecedora.


Efeméride arredor do recordo aos “mártires da liberdade”, no compromiso de que “Galiza é, dende agora, chama acesa, un agromar de papoulas a florir, unha fouce xigante, unha promesa, unha vontade absoluta de porvir”. Palabra poética para reivindicar a memoria de Antolín Faraldo. Xusto.

O facho da rebelión

Te puede interesar