Fariña submarina

Non acabou co cambio de século, e non é un infame pasado. O narcotráfico é presente e probablemente seguirá a ser o futuro, aínda que só sexa o inmediato, mentres sigamos asumindo a realidade como inamovible. Certo é que se houbese unha maneira directa de terminar co asunto, sería sinxelo. Pero é imprescindible que, a pesares de todo o difícil do asunto, sexamos conscientes de que seguimos ante un problema de primeiro nivel.
 

As forzas e corpos de seguridade fan un traballo impagable, do que ademais non sabemos apenas nada (porque así debe ser). Pero enfronte hai xente preparada, desalmada e disposta a ir todos os pasos por diante que precisen. 
 

Leo que hai xente que foi forzada (porque non teño ningunha convición en que sexa por vontade propia) a viaxar nun submarino de xoguete por todo o Atlántico por unha mala propina, en condicións infrahumanas e xogándose a vida. Quen sabe cantos corpos están hoxe sepultados no fondo do mar neses ataúdes de chapa, ou cantos se viron obrigados á saír á superficie para atoparse no medio do océano destinado a morrer de frío, afogado ou do medo a ter que decidir como morrer en medio de ningures e a saber de que. Que fai un tipo no medio do océano que só pode esperar a morrer? Nunca son os valentes que gañan cartos ata marearse a costa de afogar a vida duns e de destruír o futuro de moitos outros que acaban, con sorte, aparcando coches para sacarse catro pesos para o enganche do día. Os valentes xa tiveron mellor vida, si, e fachendeaban en iates e vacacións na neve cada tres por catro. Algún amigo tiñan para ir en iate, iso si. 
 

Están aí. Hoxe máis agochados grazas á loita dunha xeración e, sobre todo, de mulleres que decidiron que ata aquí. Mulleres, como non. Hoxe podemos vivir coa aparente tranquilidade de pensar que foi un mal sono que xa pasou. Pero están aí, seguen vixiando a sociedade na que vivimos e intentando ensucialo e contaxialo todo.

Fariña submarina

Te puede interesar