Baixo o título de “PAISAXE, CONCIENCIA, FÁBRICA” a Fundación Luis Seoane acolle unha mostra que percorre 50 anos do traballo de Fernando Blanco Guerra (O Carballiño, 1947), dende os seus inicios en 1970 ata hoxe, que, ademais dos seus importantes proxectos arquitectónicos como a casa Arístides, a Praza e monumento a Xeración Nós (1997), ou o Centro de Saúde de Castro Ribeira de Lea, ofrece esculturas e pinturas que dan fe do seu pulo creativo e do seu concepto da integración das artes, no que tamén estivo interesado Luis Seoane.
A exposición da fe non só do do seu rigor construtivo e do seu extraordinario dominio da xeometría, senón da súa constante percura de novas e singulares configuracións e de posuír unha rica imaxinación. Respecto a obra plástica atestigua da súa grande liberdade no manexo das formas, que se manifesta máis figurativo na serie de retratos que se poden clasificar dentro dos presupostos do expresionismo; entre estos retratos están os de Cunqueiro, o de Daniel Hermosilla e os seus dous autorretratos, nos que se percibe a súa capacidade para revelar, sobre todo por medio da mirada, as inquedanzas agochadas no fondo da psique.
Un exemplo de esto é a obra “No sé”, na que representa, sobre un fondo escuro, unha figura humana alongada, que semella unha especie de paiaso de rostro tan triste que, máis que facer rir, parece que invita a chorar. Hai outro grupo de obras nas que imperan as manchas e trazos libres, as pinceladas soltas e os ritmos abertos que se achegan ao expresionismo abstracto, a abstracción informalista e a aspectos da action painting, onde o que importa é recoller os impulsos do interior e as sensaciós fuxitivas. Hai que salientar, en ambos casos, o dominio dos acordes e temperaturas da cor, con predominio dos tonos cálidos, en especial os terras e vermellos e como atinxe, por estes medios, unha singular armonía compositiva, que vén a ser outra forma de “arquitectura”.
Mui importante é tamén o sentimento da paisaxe, algo tan de noso, e que podemos ver en cadros como “Viña” ou “Terras altas”, onde recolle unha axitada vexetación de manchas enguedelladas. Outro aspecto notable é o de reflectir aspectos das inquedanzas humanas, como recolle en obras como “Pálpito”, que representa unha figura acuclillada en forma de corazón, ou en “Tú y yo”, na que se adiviña o abrazo dunha parella; hai dous lenzos titulados “Parella” nos que, máis que mostrar a dualidade dos sexos, busca mostrar o eterno binomio do amor, o anceiado e necesario encontro que está nas leis da natureza.
De esas leis eternas parece falar tamén o cadro “El núcleo”, no que representa unha gran forma bulbosa que é como unha semilla ou unha especie de feto ou óvulo i, en todo caso, como o eterno xermen da vida. Da vida e das súas inquedanzas fálanos a obra “A espera” que semella unha figura humana atrapada, “Bailando” representa a un monifate retorcéndose e “Sarcasmo” fala, por medio de envolventes manchas, de eso tan estraño que é a vida.