Legado oral de identidade

Regueifa, na percepción popular máis estendida é sinónimo desa disputa dialéctica improvisada que se fai en verso con certo ton musical; parte fundamental do Patrimonio Oral de Identidade galega que vén recuperando parte do seu papel cultural nos últimos tempos, por sorte e mérito dos que pulan activamente por ese movemento de posta ao día dunha traxectoria que bebe de tempos pretéritos, ata tal punto que levou a Carré Aldao, na súa Xeografía do Reino de Galiza, a manter que “a aseveración inmemorial de historiadores e xeógrafos romanos conta que, no país galaico, as femias levan a palma en improvisar cantigas e tanguer, sendo as súas composicións do máis fino epigrama e de verdadeiros poemas de delicado sentimento”. Fose así ou non; dio el.


Curioso é que na definición deste substantivo, regueifa, a primeira das acepcións fala do “molete de pan adornado con ovo, azucre, caramelo e outros produtos doces, con que se obsequia aos invitados e aos veciños dos noivos”; e aínda engaden outro significado máis para cualificar á regueifa como “roscón que gañaba a parte que mellor facía a regueifa nunha voda”. Este aparente choque entre a percepción popular da palabra e o seu variado sentido semántico, na tradición popular si que vai ensarillado. Así, a regueifa foi un bolo de pan, propio das vodas, ben adornado de lambetadas, que podía ser disputado de dúas maneiras: Improvisando cantigas de porfía ou bailando unha muiñeira de puntos moi difíciles e artísticos. Por iso, así nomeada, a regueifa era entregada pola noiva á persoa vencedora na disputa e esta quedaba encargada de repartila entre as solteiras e solteiros asistentes. Ás persoas participantes no xogo chámaselles regueifeiros ou regueifeiras e esta forma acabou por ser utilizada para denominar a todos aqueles que, con bolo ou sen el, nunha voda ou en calquera outras circunstancia, compiten coa palabra para demostrar a súa agudeza e capacidade de improvisación, conforme ao patrón de recitado musical ao efecto. É legado milenario que suma valor inmaterial ao Patrimonio Oral de Identidade propia que conta cun arquivo especializado na súa recollida dentro dos obxectivos e actividade do Museo do Pobo Galego, coordinado polo Instituto de Estudos das Identidades, contando con colaboradores e parceiros do ámbito das novas tecnoloxías facilitando así acubillar un repositorio de natureza moi diversa. Non é menos importante, todo o contrario, o traballo de voluntariado das asociacións culturais de base, entre elas ORAL, que vén funcionando coa finalidade de “realizar todo tipo de actividades de estudo, investigación, creación, difusión, promoción, divulgación, e formación tendentes a recuperar e dignificar a tradición dos desafíos orais improvisados en verso: Regueifa, brindes, loias e outras que teñen como denominador común ese matiz de rima, enxeño e arte”.


Por iso, teñen ben merecido o galardón de Valedores da Regueifa que veñen de recibir nos Premios Galegos da Regueifa “EapallaRimas”. Herdanza secular precursora do moderno rap. 

Legado oral de identidade

Te puede interesar