No punto de mira

Entre eles mordíanse en silencio e mancábanse canto podían, como se fosen inimigos que se odiaban, dentro da mesma casta, pero querían aparentar o contrario, como se fosen amigos da alma ou irmáns, como se navegaran na mesma barca e o caladoiro fose só deles ou, en todo caso, dos parentes deles.
Ían e volvían, sen sacar as mans da masa, amasando e, coa súa voz rotunda e educada, enganando, incluso se era preciso, chorando. Igual que a Felisa do Nazario, cando ía tornar a auga para que regara no seu prado o día que lle tocaba ao veciño, tapaba a cabeza cun mandil, na procura de que non a viran naquela vergoñenta función de arrapañar todo para ela e para a súa familia.


O veciño cambiaba a auga de rego, pero a herba na súa leira non medraba, pola contra, secaba a herba, o prado e o rego. Era a política practicada pola desvergonza e a procacidade da familia contraria, con todos os seus membros colocados estratexicamente con cadanseu rodo na man.


A cobiza e as ansias daquela xente eran desmesuradas ata o punto que lles impedían ver a realidade. Todo estaba ben, menos o que pensaban os outros, aínda que tiveran razón e fosen a maioría do lugar, aos que máis horas lles correspondía regar. A cobiza era tal que o máis valente e obediente dos labradores, confirmaba o seu poderío dicindo que vai regar pola noite. “Cando ninguén se dea conta –dicía–, procederase a cambiar a auga e guiarémola para onde conveña”.


O reparto da auga en calquera lugar debe facerse con transparencia, con claridade e coa participación da veciñanza, buscando sempre o equilibrio entre a eficacia produtiva e a xustiza social, para beneficio dos aldeás propietarios de cada un dos prados e, logo, de toda a veciñanza.


Todo isto parece política. O que máis pode e o máis desvergonzado é o que máis rega, quen rouba a auga pola noite coa cara tapada e vai á misa ou rezar cada domingo, como se non pasara nada, como se fose o líder de todos os cambios, de todos os pensamentos e de todos os tempos, dos que pasaron e dos que virán.


A Tía Manuela é rotunda, tanto no reparto da auga como en calquera outro, “o repartidor debe ser respectuoso coa xente, debe ampararse no coñecemento e no pensamento crítico, e ten que ser eticamente responsable, co ben común sempre no punto de mira”.

No punto de mira

Te puede interesar