A nova Galicia nace nos concellos.

Fican menos de dúas horas para o peche dos colexios electorais cando remato este artigo. Mañá-hoxe xa para vostedes cando lean o xornal- teremos novos concelleiros e moi axiña, o 17-X, novos alcaldes. Mal faríamos se pensamos que os problemas das nosas veciñanzas se  resolven dende o balbordo que xeran os media de Madrid. A Coruña, Ferrol, Vilagarcía, Carballo...sonlles outra cousa e precisan solucións de seu. En xeral, a Galicia municipal, precisa solucións de noso.


O problema dos nosos concellos é o problema dos servizos públicos. Limpeza, recollida e tratamento de lixo ou inclusión  Porque precisamos cidades, vilas e concellos rurais inclusivos para maiores e persoas com problemas de mobilidade. Precisamos dunha rede primaria de servizos sociais que identifique os problemas de exclusión socioecónómica, debullando a súa aquelada diagnose á Xunta de Galicia e, se cómpre, amosándolle as súas eivas e trabucamentos na prestación dos servizos sociais. Canto á decisión entre a  xestión directa e a xestión indirecta dos servizos semella que o modelo de xestión directa coruñés da auga, desenvolvida pola empresa pública 100% municipal, Emalcsa , constitúe un referente para a xeneralizada municipalización deste servizo na Galicia.


Para amañamos o problema da vivenda  precisamos dunha política de promoción directa  para as persoas que non son quen de acadala no mercado. Obrigado é considerar que isto só se pode achegar dende un patrimonio público de vivendas e dende o alugueiro como ferrramenta xurídica. Si. Ben sei. Son consciente de ter enunciado unha solución revolucionaria nestas últimas cinco liñas. Mais é ben posíbel


Tamén precisamos que os concellos galegos sexan axentes do desenvolvemento económico sustentábel. Xa que logo han ser ferreños na súa defensa dos requirimentos urbanísticos e ambientais no outorgamento das licenzas urbanísticas e de actividade empresarial, mais ao tempo haberían ser moi proactivos a respecto das potencialidades de promocion económica do concello e da súa área urbana. Cómpre acadar esa compatiblidade.


  Os concellos galegos haberían non esquecer que integran un País de seu,  Galicia. Compostela é universal máis potencia a súa universalidade como capital do noso País. A Coruña non pode ficar no seu cuarto de millón curto de habitantes, senón que ha arelar ser capital atlántica dunha área urbana de case medio millón de persoas, que se integra sen solución de continuidade cunha vizosa Ferrolterra coa que ha partillar sistema portuario. O eixo atlántico Ferrol-Coruña-Compostela-Vilagarcía-Pontevedra-Vigo-Tui ha construir a súa integración co eixo Valença-Porto-Lisboa-Sétubal, artellando esa rexión urbana de dez millóns de persoas que constitúe a terceira máis poboada da península ibérica.


Last but not least (en último de contas) os concellos galegos han definir tamén como liñas transversais da súa acción pública as políticas de igualdade e de promoción da lingua galega e da cultura deste País.

A nova Galicia nace nos concellos.

Te puede interesar