Por Samuel Lago Ozón, alcalde de Cambados
O peche da residencia de anciáns do Pazo de Montesacro e a súa posterior venda constitúen un golpe duro para Cambados, non só pola perda dun servizo esencial, senón tamén polo trato que recibimos das administracións gobernadas polo Partido Popular. Durante máis dun ano, este Concello fixo todo canto estivo na súa man para atopar unha solución: entrevistámonos coa orde relixiosa, solicitamos prórrogas, reunímonos coa Xunta, coa Deputación, con distintas consellerías (a excepción da Conselleira de Política Social que tras máis de 15 solicitudes por distintas vías aínda non respostou) e incluso con entidades privadas como a Fundación Amancio Ortega. Pero en todas as portas nas que chamamos, atopamos a mesma resposta: negativa.
Mentres nós traballabamos e buscabamos alternativas, o PP de Cambados preferiu criticar ao Concello e defender ao seu partido antes que defender aos seus veciños.
Antes das eleccións, aseguraban que o asilo non pecharía e falaban de “xestións discretas” que nunca deron froito, probablemente porque nin se realizaron. A Deputación di que non está en disposición de facer aportacións, pero sen embargo si que o fixo en outras ocasións somo a adquisición do Cine Fraga. A Xunta, pola súa banda, di que “non está para mercar pazos” ou que “non rescata empresas quebradas”, cando o que está en xogo non é un edificio, senón un servizo social esencial e competencia directa da administración autonómica. Estamos claramente ante un caso de discriminación política, ou mellor dito partidista.
Non é a primeira vez que se merca un pazo para uso público en Cambados. Cando se adquiriu o Pazo Torrado, a Xunta financiou case a totalidade do custo. Agora, con máis recursos ca nunca —14.000 millóns de orzamento—, nin compra o Pazo de Montesacro, nin colabora economicamente, nin ofrece unha alternativa. Por iso, reclamamos que, xa que non investiron na compra, polo menos constrúan en Cambados unha das novas residencias públicas prometidas, e así llo temos solicitado por escrito ao presidente Rueda.
Por outra banda, tamén esperamos que a empresa que adquiriu o pazo sexa respectuosa co noso patrimonio e que a súa actividade xere riqueza e emprego de calidade no municipio. Pola nosa parte, e coa colaboración da Xunta ou sen ela, Cambados contará cunha residencia con prazas públicas. Non imos deixar de loitar por iso, aínda que unha vez máis teñamos que asumir coas arcas municipais competencias que non nos corresponden.
O que pedimos é xusto e de sentido común: que as administracións competentes asuman as súas obrigas e que os representantes locais do PP se poñan do lado do seu pobo. Porque Cambados merece respecto, compromiso e feitos, non promesas baleiras.