Neste momento os medios de comunicación españois que se etiquetan como feministas están a cubrir a caída de Íñigo Errejón con reportaxes e todo tipo de análises para abordar este non shock social sobre un home de esquerdas denunciado por violencia machista. En xeral, ata aí todo ben.
Quizais este é un bo momento para reiterar que neses xornais, radios e televisións traballan e teñen un espazo mediático afianzado líderes de opinión con tratos denigrantes cara ás mulleres, dende xornalistas ata máis personalidades da política. Tanto dentro como fóra desas empresas —da mesma maneira que acontecía con Errejón e o seu movemento político— sábese quen son.
As redes sociais de Cristina Fallarás deixan evidente unha cuestión fatídica: en España existe unha infradenuncia da violencia sexual por unha serie de motivos entre os que se enmarcan a vergoña e o medo a non ser cridas, especialmente se o agresor é un home poderoso da elite política ou comunicativa e que está protexido, en primeira instancia, baixo o paraugas social. Isto último destrúese como dinamita grazas a que, como observamos co traballo de Fallarás, as mulleres falamos entre nós e confesamos nunha contorna segura que ese «aliado» que difunde mensaxes punitivas en X contra o machismo nos meteu man sen consentimento e nos humillou dende un contrapicado.
Por desgraza normalizamos esas condutas. Ocorren cada día miles de veces e non nos chantamos en comisaría. Sabemos que se paramos o mundo para, pero se falamos, se actuamos, colapsa o Estado. Cando o sistema xudicial non nos garante nada, a autodefensa colectiva é un bastión contra o poder. O escudo de protección que formamos as mulleres coas nosas experiencias chámase «activismo» porque se basea en que perante unha falta de amparo real por parte das institucións e o conxunto da sociedade misóxina temos que acompañarnos e sinalar os violadores tipo «amiga, coidado con este», para evitar que as demais pasen polo que nós. Un campo de minas.
A teoría feminista ensínanos que o movemento pola igualdade debe ser transversal e integrarse nas prácticas informativas. Se cremos ás que escribiron a Fallarás sobre Errejón temos que crer tamén as compañeiras que nos din que o noso colega, o que está tecleando a noso carón no computador sobre as «novas masculinidades», humilla e intimida as mulleres en segredo. Ou é que eliximos a quen crer?
Non é necesaria unha denuncia oficial para expulsar da esfera política e mediática os machistas e agresores sexuais. É responsabilidade das directivas, da natureza que sexa, escoller con quen contar nas súas filas. Agora que isto se converteu nunha sinalización para culparse de quen o coñecía de primeira man e non actuou, é cando máis temos que revisarnos e preguntarnos a quen estamos a protexer nós. Dirannos que é unha caza de bruxas; cando o mal parado sexa un home de esquerdas como neste caso, dirán que é un linchamento á nova política do que se aproveitan os partidos de dereitas.
Rompamos o silencio en todas as direccións, temos dereito a facelo. Pola contra, será marcarnos un Isabel Rodríguez e pedir esperanza ata que os que hoxe teñen poder sobre nós decidan, por motu proprio, deixar de telo mañá.