De saberse de máis

Finalmente houbo reencontro. Ben que non foi máis que algo meramente testemuñal, pero houbo foto e polo tanto oportunidade de venderlle ao mundo unidade fraternal e inquebrantable. Casado e Ayuso estiveron un ao lado do outro na convocatoria dun Rajoy que presentou libro e que segue a facer das súas. Chamoulle Casao a Casado e destacou a valentía e os acertos de Ayuso, ante un Casado en carne mortal. Empezo a ter a convicción de que Rajoy fai estas cousas adrede. E segue mantendo viva a chama das súas estrañas elocuencias e inoportunidades. O reencontro foi xélido e notorio. Un non sabe ben que foi antes, se as declaracións das adhesións e as unións sen fisuras, ou a loita poderosa polo control e o liderado do partido, custe o que custe e caia quen caia. Mentres ámbolos dous xogaban a non poñerse xuntos na foto, outros tiñan a sensación de estar de máis. De ser meros figurantes de atrezzo nunha obra onde só hai papel para dous actores. Almeida sabe que sobra, que o conflito quédalle grande, pero tócalle estar por razón de cargo. Ás veces estamos por mera coincidencia. A vida ten estas cousas e nunca están nin suficientemente explicadas, nin suficientemente recompensadas. Nos choques de egos resulta prexudicada ata a paisaxe. Rajoy non falaba disto, pero iso flotaba no ambiente. Hai moitas maneiras de saberse de máis. Non sei se é máis fonda a emoción inicial de descubrirte ou a convicción absoluta de saberse ao marxe daquilo que che importa. Pero a realidade insiste en seguir adiante coma sexa. Nos primeiros síntomas caes na conta de que hai unha modificación radical de status. Despois, tomamos consciencia de vestir o cartel revelador de prescindibles.

Aprendín a refuxiarme no minúsculo –dixo El– na eternidade elemental da luz inesperada, nesa tenrura de ámbar que sempre vive en ti...

De saberse de máis

Te puede interesar