Todos fomos idiotas algunha vez

Todos dixemos o que non debiamos, rimos cando non debiamos e participamos de conversas que non debiamos. Todos interpretamos mal e todos quedamos calados ante condutas que non debiamos. Todos fomos moi idiotas algunha vez. Ou moitas.


Unha das grandes aprendizaxes que ensinou o feminismo, especialmente aos homes, foi a comprender todos eses erros, entendelos, comprendelos e ser conscientes da necesidade de avanzar dende a convicción de que precisamos deixar as idioteces para axudar a construír unha sociedade mellor. Ademais de sentir a frustración de ter sido idiotas, aprender das idioteces é un deber moral que, de maneira especial, deben (debemos) cumprir os que teñen (temos) a oportunidade e a responsabilidade de representar vontades, ou que polo labor ou posición xeran un impacto social, económico, deportivo ou institucional. Como pode pasar, por exemplo, con un presidente dunha federación de fútbol (española ou galega, tanto monta) que ten detrás de si unha enorme responsabilidade como para que non teña claro isto.


Non entanto a realidade inúndanos habitualmente e amósanos que non sempre as cousas van polo rego que deben. Comprobamos como hai quen, en troques de recoñecer a súa idiotez, sacan a pasear o seu machismo. E ao machismo pásalle como aos borrachos, que lonxe de ser conscientes pretenden amosar o seu control da situación pedindo outra ronda de chupitos. Así sucede o que sucede e, lamentablemente, estamos como estamos.


Sirvan os casos para que non esquezamos que habería algo moito máis dramático que ter sido idiotas, e sería aceptar que poden campar ao seu antollo os que máis alá de non recoñecer os seus erros pretenden presumir deles con soberbia e facernos pasar por idiotas aos demais. Que hai moito listo que tanto subasta un aplauso como unha moral.


Todos fomos idiotas algunha vez. Ou moitas. Pero a estas alturas xa deberíamos estar aprendidiños. 
 

Todos fomos idiotas algunha vez

Te puede interesar