O IES de Valga contará o vindeiro curso con 66 novas prazas coa implantación de tres novos ciclos, dous títulos de alta especialización e outro de FP dual intensiva. Así llo confirmou a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, ao alcalde do municipio, José María Bello Maneiro nunha xuntanza. Pérez xa estivera hai unhas semanas no propio instituto, percorrendo as súas instalacións, para preparar a posta en marcha desta nova oferta educativa, que ofertará o centro a partir de setembro.
Dous dos novos ciclos que se impartirán a partir do vindeiro curso son os de alta especialización de Mantemento electromecánico e oferta parcial de mecanizado, e do de Mecatrónica industrial e oferta parcial de Automatización e robótica industrial, con 22 prazas cada un deles. Estes títulos, exclusivos de Galicia, son formacións configuradas “ad hoc” para atender demandas específicas das empresas.
A maiores, o vindeiro curso, tamén se suma á oferta do instituto valgués o ciclo Dual Intensivo de grao medio de Xardinaría e floraría, con outras 22 prazas. Trátase, en palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, dunha oferta “moi axeitada á zona de Valga e á súa área de influencia que dá resposta a demanda de empresas punteiras que están instaladas neste concello”.
Así mesmo, actualmente o centro conta con oferta en dúas familias profesionais: a de fabricación mecánica (cos ciclos básico de Fabricación e montaxe, medio de Soldadura e caldeiraría e superior de Construcións metálicas) e a familia agraria, co ciclo básico de Agroxardinaría e composicións florais.