Investigan a un vilagarcián que se ausentou tras provocar un accidente con feridos en Portas

Investigan a un vilagarcián que se ausentou tras provocar un accidente con feridos en Portas
A investigación levouse a cabo pola Garda Civil | cedida

A Garda Civil investiga a un veciño de Vilagarcía por un delito de abandono e tres de lesións despois de que este se ausentara dun accidente de circulación acontecido o pasado mes de agosto en Portas, e no que resultaron feridas dúas persoas. O sinistro tivo lugar na carretera que une Caldas con Vilanoviña e foi provocado por un vehículo que alcanzou a outro e despois bateu con outros que estaban aparcados na zona.

Segundo sinalan dende a Garda Civil tras o accidente o condutor do vehículo -que presuntamente foi o culpable do sinistro- abandonou a pé o lugar sen facilitar a súa identificación. Como consecuencia do choque resultaron feridos de consideración tres ocupantes do vehículo alcanzado e outro que o precedía. Ademais tamén sufriron danos materiais outros dous coches estacionados.

As investigacións realizadas por axentes da Garda Civil do destacamento de Tráfico de Pontevedra concluíron que o responsable do accidente era un veciño de Vilagarcía, de 36 anos de idade.

Dende o Subsector de Tráfico da Comandancia de Pontevedra reiteran que a partir da recente reforma do Código Penal castígase a quen voluntariamente abandona o lugar dos feitos tras causar un accidente no que haxa falecidos ou feridos penalmente relevantes.

De feito indican dende a Garda Civil que se os feitos tiveron orixe nunha acción imprudente do condutor serán castigados con pena de prisión de seis meses a catro anos e privación do dereito a conducir vehículos de motor ou ciclomotores de un a catro anos. Se a orixe dos feitos que deron lugar ao abandono foron fortuitos a pena de prisión está tipificada entre os tres e os seis meses e privación do dereito de conducir vehículos dende os seis meses aos dous anos.

As dilixencias instruídas entregáronse ao Xuzgado de Instrución de Caldas de Reis.

Investigan a un vilagarcián que se ausentou tras provocar un accidente con feridos en Portas

Te puede interesar