Juan Arzúa: “O futuro de Juan Manuel Rey é decisión súa e nós apoiarémolo decida o que decida”

Juan Arzúa: “O futuro de Juan Manuel Rey é decisión súa e nós apoiarémolo decida o que decida”
Secretario local do PSOE en Caldas, Juan Arzúa | Gonzalo Salgado

No pasado mes de marzo cumpríronse dous anos da renovación do Partido Socialista de Caldas, despois de que Juan Arzúa (31 anos e profesor no Colexio Somascos) tomase o relevo da Secretaría Local de Manuel González.

 

Que balance facedes destes dous anos na dirección do partido?
O balance que facemos en xeral é positivo. Creo que conseguimos unha dinamización da agrupación, aumentamos en número de militantes, sobre todo en xente moza, co cal a media de idade da formación diminuíu. Algo importante xa que o Partido Socialista soe padecer un pouco de falta de relevo xeracional.

  

Que cambios se deron coa nova dirección do partido?
Os principais cambios pasan pola apertura da agrupación: máis asambleas e reunións, tanto internas coma cos veciños, con diferentes parroquias, asociacións, as ANPA, clubes deportivos... Así, abrimos a agrupación para recoller as ideas que antes se nos estaban escapando.

 

Que retos vos marcades como partido a partir de agora?
O principal reto que tivemos que afrontar foi a renovación da formación de cara ás eleccións municipais de maio do ano pasado. Afrontamos unhas eleccións que eran difíciles para nós, porque quizais estabamos acusando anos de desgaste sen facer unha lectura do que nos pedía a cidadanía, polo que temos que seguir nesta liña. Ademais, agora temos que traballar conxuntamente nun goberno de coalición e dende o partido temos o foco en seguir ampliando, renovando e sumando xente.

 

Este ano cúmprense 45 anos de goberno socialista en Caldas, por que cres que estes resultados non se trasladan nas autonómicas?
Efectivamente, en abril cumprimos 45 anos das primeiras eleccións municipais en democracia e en Caldas sempre tivemos unha Alcaldía socialista. Penso que este resultado débese principalmente ao traballo municipal e fóra deste ámbito, nós temos parte da responsabilidade, pero non toda. Quizais nós desde a agrupación municipal non somos quen de transmitir a importancia de que haxa un traballo conxunto entre ambas administracións ou trasladar que as cousas de ámbito supramunicipal, como pode ser a Xunta, tamén afectan a Caldas. De feito hai certas políticas do goberno galego que están perxudicando ao municipio. Ademais, penso que os resultados tamén tiveron que ver coa tónica en toda Galicia, polo que hai unha responsabilidade forte da agrupación a nivel autonómico.

 

No seu momento presentáronse dúas candidaturas á dirección do partido, hai unidade ou aínda hai dúas faccións diferenciadas?
Despois da asamblea reunimos a ambas candidaturas para traballar de cara a unidade. Quen quixo estar está. De feito na outra candidatura iban Juan Manuel Rey e Rocío Ferro, actual alcalde e concelleira de Igualdade; polo tanto creo que si que houbo renovación e quen quixo estar está traballando e sumando. En todas as asambleas posteriores sempre houbo unanimidade e unha única candidatura. De feito, de cara ás elección municipais, houbo unha única lista e aprobouse por aclamación.

 

Como é o traballo conxunto dentro do bipartito?
É un traballo coordinado. Eles levan as Concellarías de Cultura, Turismo, Educación e Deportes, que de algún xeito son bastante independentes. Pero eu penso que no resto de áreas é onde se está notando realmente o cambio. En Obras, por exemplo, estanse facendo actuacións en practicamente todas as parroquias; en Medio Ambiente estase notando o cambio, entre otras cousas, no mantemento da Carballeira e nos marxes dos ríos; en Igualdade o aumento de actividades; en Servizos Sociais estase agora traballando por ampliar o servizo...

 

Hai rumores sobre que Juan Manuel Rey non se presentará á reelección como alcalde...
Como sempre son cousas que traballamos en conxunto con todo o partido, pero principalmente a decisión é de Juan Manuel Rey. Eu sempre respectei a decisión do noso alcalde. Os tempos de Rey decídeos él e nós apoiarémolo decida o que decida. 

Juan Arzúa: “O futuro de Juan Manuel Rey é decisión súa e nós apoiarémolo decida o que decida”

Te puede interesar