Os lacóns volven a saír pola Candeloria con éxito de público

Os lacóns volven a saír pola Candeloria con éxito de público
As mulleres son as encargadas de levar as cestas cos patas de lacón | gonzalo salgado

Como cada dous de febreiro, en Valga, en vez dos paxariños saen os lacóns. Fano pola porta grande, xa que os veciños de Cordeiro poñen moita ilusión na celebración da Candeloria, na que se revive unha das tradicións culturais e relixiosas máis senlleiras do municipio.
 

A procesión dos Lacóns remóntase ao século XIX, cando un andazo de peste causou unha gran mortandade no gando e os veciños comezaron a realizar ofrendas aos santos en busca da súa intercesión. Desde entón, cada ano repítese o mesmo patrón: O Día de San Paio, 25 de xaneiro, San Antonio e San Roque son trasladados desde a igrexa parroquial de Santa Comba ata a capela de Vilar, onde permanecen durante máis dunha semana coma homenaxe ao patrón da aldea. O día da Candelaria regresan de novo en procesión ao seu fogar habitual, en compañía de San Paio.
 

A comitiva percorreu hoxe o traxecto entre Vilar a igrexa parroquial, facebdo paradas nas distintas aldeas para que os fregueses collan folgos e os veciños podan venerar a San Antonio, San Roque e San Paio, os protagonistas deste desfile xunto coas mulleres, que portan sobre as súas cabezas cestas coas patas de porco.
 

Unha comitiva chamativa

Os actos relixiosos deron comezo ás dez da mañá, en Vilar, coa celebración dunha misa rezada e a bendición das cadeas a cargo do sacerdote Manuel López Castro. Arredor das 11 horas iniciouse o percorrido, que discorreu polos lugares de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro. Unha salva de bombas anunciaba a chegada a cada lugar, nos que os veciños engalanaron con mimosas, caraveis, camelias ou laranxas, altares nos que colocar aos santos mentres os participantes na procesión descansaban, antes de retomar o camiño.
 

De Vilar saíron nove lacóns e sumáronse catro máis en Vilarello. Nesta aldea, os nenos da escola unitaria saíron a saudar o paso e a bailar coa música do grupo de gaitas que o acompañaba, Aires do Río Vello de Isorna (Rianxo). En Ferreirós, como é habitual, os participantes na procesión puideron degustar un pequeno aperitivo a base de viño doce, refrescos e doces.
 

Programación para mañá

En total foron case catro quilómetros de ruta ata chegar á igrexa parroquial de Santa Comba, Alí, o paso deu unha volta completa ao templo antes de acceder ao interior cos tres santos e as ofrendas. Manuel López e Arturo Lores, párroco de Cordeiro, cooficiaron a misa solemne, que deu paso a outro dos costumes máis arraigados desta xornada: A pocha dos lacóns, que acadaron prezos dentre 30 e 65 euros. A recadación total para a parroquia foi de 580 euros. Os festexos seguen mañá, con misa solemne e cantada e pasarrúas da Banda, que dará sesión vermú ás seis da tarde.

Os lacóns volven a saír pola Candeloria con éxito de público

Te puede interesar