O alcalde de Vilagarcía responde

O alcalde de Vilagarcía responde
Foto: Gonzalo Salgado

Estase facendo desde o Concello algunha promoción para o transporte público?
Ao longo do noso mandato, puxemos en marcha dúas accións para fomentar o transporte público. Por unha banda, o Vaibús!, unha tarxeta que permite, por 20 euros ao mes, facer viaxes ilimitados na rede do transporte urbano. Máis de 300 veciños e veciñas úsana, pero poden ser máis: so hai que solicitado, o prazo está sempre aberto. Ademais, e cando non era da nosa competencia, creamos o Vaibús+!, de comunicación directa co hospital, con máis de 1.000 usuarios ao mes. Por último, está a piques de entrar en funcionamento o novo Vaibike!, que permitirá usar unha bicicleta por só 30 euros ao ano. En todo caso, sería desexable que a Xunta incremente as frecuencias urbanas e comarcais.


Para cando a humanización das Rúas Esperanza e Aduana (Carril)?
Despois de actuar na rúa Cervantes e de crear o albergue de peregrinos, do que nos sentimos especialmente orgullosos, o vindeiro proxecto a desenvolver no Carril é a rúa Aduana. Logo virá a rúa Esperanza, para o que estamos xestionando a financiación. Por suposto, mantemos o noso compromiso de facilitar o aparcamento dos residentes, que, como no resto do concello, se regulará na nova Ordenanza de Circulación, actualmente en trámite. As humanizacións buscan unha mellor calidade de vida en todos os sentidos, e para iso é fundamental ter en conta as necesidades dos moradores.


Cal é a oferta laboral e formativa para mozos que se fai desde o Concello?
Afortunadamente, Vilagarcía conta cunha importante oferta formativa en todos os niveis educativos agás o universitario, se ben a nosa privilexiada posición xeográfica permite que nun radio de 100 quilómetros teñamos ata tres campus. Conscientes de que o noso futuro depende do noso talento, dende o Concello temos establecida unha liña de becas: 62.000 euros que este ano favoreceron a 168 mozos e mozas. Por outra banda, hai que lembrar o investimento de 1,6 millóns de euros na nova biblioteca e iniciativas como os acordos coas empresas locais, subvencionando a formación específica co compromiso de contratación posterior.


Que xestións se están a levar a cabo por parte do goberno local para ampliar o chan industrial?
A creación de solo industrial non é algo que dependa exclusivamente do concello. Non xa este goberno, senón outros anteriores, vimos reclamando da Xunta a ampliación do polígono do Pousadoiro, co resultado coñecido. Dende o concello animamos a implantación de novas firmas bonificando os impostos, facilitando toda a tramitación, e mantendo un servizo de asesoramento aos emprendedores. Que unha empresa como Cefrico teña ampliado o seu plantel, que haxa proxectos para as vellas naves de Peña ou que, malia todo, Vilagarcía siga sumando un terzo de todo o tecido empresarial do Salnés convidan a seguir traballando. O certo é que hoxe temos máis empresas e máis emprego que en 2015.


Qué se está a facer para a mellora das praias (Compostela, Preguntoiro, Campanario)? E para acabar cos pinchos?
Como na oferta laboral, a creación de solo industrial ou mesmo a política de vivenda, na intervención sobre a costa son moi limitadas. Os primeiros interesados en rexenerar a praia da Compostela ou acadar unha solución o problema do “cadillo” somos nós, pero é algo que non pode asumir directamente o concello. Do mesmo xeito que logramos a renovación do paseo, estamos seguros de que Costas atenderá as nosas demandas, non só para a Compostela, senón para o resto dos areais (Preguntoiro, Campanario, Canelas), aínda sendo conscientes de que en España hai máis de 3.500 praias, que son centos os concellos costeiros que reclaman melloras, que xorden prioridades como as desfeitas dos temporais, e que os medios son limitados.


Que se vai facer co mural da fachada principal da Comandancia?
Como xa dixemos cando logramos o histórico acordo que permitiu que os vilagarciáns vaian a ter por fin o centro de saúde que necesitan e merecen, o mural, que forma parte no noso patrimonio artístico pero tamén vital, será instalado no novo edificio.


Está previsto renovar as beirarrúas en Agustín Romero?
Coincidimos en que as beirarrúas desta rúa deben de ser melloradas. Pero, aínda que ás veces resulte difícil de comprender e ata explicar, o que para todos nós e unha rúa máis, ao menos no seu treito inicial, técnica e xuridicamente é, en cambio, unha estrada autonómica. Hai xa tempo que solicitamos da Xunta o arranxo dos viais autonómicos, non só Agustín Romero, pero si especialmente este, do mesmo xeito que pedimos á Administración do Estado a mellora dos viais que son da súa competencia, é o caso da avenida de Rubiáns, sobre a que pronto haberá noticias e moi importantes. Esperemos que con Agustín Romero ocorra o mesmo.


Hai algún plan municipal para asfaltados?
Esta resposta enlaza, en certo xeito, coa pregunta anterior: a rede de viais do concello suma moitas ducias de quilómetros, e non todos son de titularidade municipal. Comprendo que a veciñanza o que quere é que lle arranxen o que lle afecta, sen ter en conta quen ten a responsabilidade, pero a administración ten límites e competencias. No que de nós depende, hai que lembrar que nos últimos catro anos renováronse máis de 30 camiños nas parroquias e que en vindeiras fases actuarase en Cornazo, Zamar e Guillán. Os asfaltados “locen” menos que a humanización dunha praza ou rúa, pero son iguais de caros, cando non máis, e igual de necesarios. Por iso é preciso actuar de xeito progresivo e equitativo, seguindo unha planificación: somos 3 cascos urbanos, dez parroquias e ducias de lugares. Todo a un tempo é imposible.

O alcalde de Vilagarcía responde

Te puede interesar