Como no 25 abril do 74, o exército de Vilaxoán era pacífico e con música. Tamén reivindicativo. Chegaron armados con gaitas, pandeiretas e moita forza. Non faltaron os cravos, que repartiron polas rúas e que moitos veciños sostiñan entre as mans, mentres contemplaban os actos organizados polos departamentos de Portugués, Galego e Francés do Armando Cotarelo.
A actividade no parque de Dona Concha, cheo de cor con pancartas co lema ‘Revoluçao’, foi seguida con atención por veciños e traballadoras do entorno, que cravo en man quixeron participar, aínda que fose un anaco, nunha festa que reivindica unha loita: A do pobo portugués, que puxo fin á ditadura. En realidade, o que se viviu en Vilaxoán forma parte dun completo programa elaborada polos departamentos de Galego, Portugués e Francés. Dunha profesora desta última materia, Sabela Muñiz, xurdiu a idea de sumar todas as revolucións que se deron nas primaveras de diferentes anos, como a de Maio do 68 en Francia, a de abril do 74 ou a de Galicia, dos mártires de Carral, tamén neste mes pero do ano 1846. Nun mundo no que a ultradereita consegue gobernos, o Cotarelo cárgase de mensaxe. “Din que os mozos están apáticos, ou incluso escorados á dereita, pero nós falando con eles démonos conta de que o que están é á espera de que os motivemos”, explica Xurxo Fernández, profesor de Portugués no centro de Sobradelo.
Precisamente motivación non faltou en Dona Concha. Ataviados con panos estampados, típicos do país veciño, os profesores bailaron e sacaron a bailar aos rapaces, máis tímidos, e cantaron. O centro conta cun grupo, ‘Armando festa’, formado por alumnos e profesores, que interpretou temas tradicionais da música galega. “Eran actividades pensadas para as Letras Galegas, que este ano están adicadas ás mulleres que conservaron e transmitiron a música tradicional, pero pensamos que era boa idea xuntalas coas revolucións”, apuntou Fernández. Aínda que foi o ‘Grándola, vila morena’, a canción que acompañou xa para sempre na historia as imaxes dos soldados encabezados polo capitán Salgueiro Maia, a que tivo a honra de sonar dúas veces: A última para poñer o punto e final.
Antes diso houbo tempo para unha perfomance, ideada pola profesora Ana González, que ataviada como un antidisturbio tentou reprimir, sen éxito, outra “revolta”: A dun grupo de mozos que reivindicaban médicos, menos horas lectivas e de calidade e alugueiros para poder vivir.
Foi unha lección, en vivo e en directo, sobre as loitas que nunca morren. As actividades no Cotarelo incluíron un concurso de lemas revolucionarios, que arman un mural que decora as paredes do instituto. No deseño da programación participaron Fernández, Muñiz, Martina Mella (de Inglés) e David Cobas (de Galego). “Os mozos teñen unha serie de valores moi positivos, pero están algo perdidos neste marasmo de información que hai agora. Aí estamos, poñendo a semente para o futuro”., di Fernández Para un futuro sen noites de pedra, no que o pobo sempre ordene.