O BNG de Vilagarcía denuncia o mal estado en canto a accesibilidade no que se atopa a zona de A Rosa, en Carril. Os concelleiros nacionalistas visitaron o lugar para comprobar a situación do barrio, apuntando a que hai moitos desniveis e que está sempre exposto a escorrentías que non están ben canalizadas. Isto –explican os do Bloque– fai que o pavimento se torne inseguro e esvaradizo como consecuencia do verdín que se acumula.
Segundo manifestan dende o BNG as solucións que se teñen adoptado dende o goberno local para solventar os problemas que hai non cumpren cos actuais estándares de accesibilidade. De feito sinalan a carencia de pasamáns, muros rachados, chanzos de escaleiras rotos ou ramplas co firme desgastado. Entenden que todo iso en conxunto “converte a mobilidade no día a día nunha exposición ao risco de sufrir unha caída ou accidente”.
Ante esta situación o BNG instará ao Concello a que proceda, alomenos, a unha limpieza do verdín das beirarrúas e das escaleiras sobre as que –din– “é comprobable que non se actúa dende hai moito tempo, sendo testemuño desta falta de atención o musgo acumulado nos bancos e demais mobiliario urbano da zona”.
Cren dende o grupo municipal do BNG que –independentemente da limpeza que se pide– “é preciso mellorar a accesibilidade e a seguridade da zona”. Unha proposta que a formación levará no listado nas reunións de negociación dos orzamentos para este ano 2025.
Non é a primeira vez que o BNG denuncia os problemas de accesibilidade en zonas de Carril. Antes xa o fixeron coa travesía Cervantes.
A limpeza do verdín por parte da empresa do servizo de limpeza sí se levou a cabo en Vilaxoán despois das múltiples protestas dos veciños.