Diego Dasilva (Contra vento e marea): “O principio foi complexo, pero xuntos estamos creando cousas bonitas na Laxe”

Diego Dasilva é o vicepresidente da asociación Contra Vento e Marea, da Laxe, en Vilagarcía. Entrou nela con oito anos e das súas verbas despréndese cantos e que bos recordos ten vencellados a este colectivo que hai dous anos colaborou a rescatar do esquecemento.

 

Como está sendo este proceso de recuperación da asociación?
As instalacións do local social estaban precarias e estamos centrándonos en optar a subvencións para a reparación de portas, ventás... Agora temos o interior xa renovado e nestes 15 días cambiamos unha das portas principais. Estabamos optando a unha subvención da Deputación, pero creo que este ano non vai ser posible.

 

Porque os trámites non sempre son sinxelos de facer, non?
Ás veces complícasenos porque os trámites cada vez son máis complicados, telematicamente, e non estamos preparados. E as axudas son ben poucas.

 

Cal foi o momento máis complicado, dende que retomaron?
O principio foi moi complexo, pero chegamos con moitas ganas. O contrato da luz estaba aínda a nome de don Daniel, porque iso fóra unha iniciativa del e de madre Guadalupe no ano 79. Tivemos que cambiar todos eses contratos... estabamos sen suministros... a cero. Pero unidos estamos creando cousas bonitas na Laxe.

 

E a xente como vai respondendo a nesta nova etapa?
Agora somos uns 70 ou 75 socios, pero fáltalles a participación á hora das actividades. Eles si colaboran, cunha cuota de 25 euros ó ano. Pero falta máis implicación. Facemos unha festa e, se somos 75, aparecen 40... Pero seguiremos traballando para poder unirnos máis.

 

Creo que ata tiveron que poñer cartos do seu peto, porque cando colleron de novo a asociación había un saldo negativo de 1.000 euros.
Si. Porque as contas das asociacións, ó estar paradas, xeran uns gastos e entre iso, recibos que non estaban ó día, etc., foi así. Pero paga a pena. De feito, recordo unha das actividades que fixemos, que foi unha homenaxe á xente máis lonxeva do noso barrio. Incluso trouxemos a Pilarita, unha veciña de moitos anos que está no asilo. Puxemos diapositivas e a xente emocionouse moito. Habería 20 ou 25 persoas, porque era dos primeiros que faciamos, pero foi moi emotivo.

 

E agora que están preparando?
A parte das actividades que temos, de zumba, costura, etc.,  estamos traballando basicamente nas melloras do local, que ten moitas carencias. É certo que o Concello axudounos coas goteiras que tiñamos no tellado, e tamén puidemos conseguir cunha subvención municipal unha estufa de pellets para paliar as humidades que tiñan as paredes, de estar pechado. Agora intentaremos cambiar as ventaniñas, que son de madeira, do ano 79.

 

"Vanse rir de min, pero gustaríame recuperar os xogos
populares que faciamos, como as vareadas e o trompicallo"

 

Que necesidades ten agora mesmo A Laxe?
Agora temos un temiña de tráfico bastante delicado. Coas obras de Rodrigo de Mendoza, A Laxe está sendo unha zona disuasoria, pero as rúas non están preparadas para soportar tanto tráfico. O Concello está poñendo un par de badéns, que non son aínda de todo efectivos.

 

Que recordos ten vostede desa primeira etapa da asociación?
Eu empecei con 8 anos nun grupo de gaitas. Fixen obras de teatro, festivais... e iso é o que queremos seguir mantendo, eses recordos. O que nos pasa é que metade da Laxe son veciños novos, véndese unha casa e xa non sabes quen a comprou... A vida é máis rápida... E tamén antes na Laxe había 70 nenos e agora non os hai.

 

Como animaría a esta xente nova a que se una para facer barrio?
Diríalles que son momentos que poden ser de desfrute, pero que co paso do tempo son recordos moi bonitos, dos que eu agora podo falar e que me gustaría que outros tamén puidesen falar.

 

Que actividade ten máis éxito?
Os domingos de xogos. Estamos tendo unha media de 40 ou 50 persoas. Facemos bingos, xogos de mesa... E vén xente ata de Carril ou de Vilaxoán. É de 17:00 a 20:30 e sexas socios ou non, podes participar. Tamén ten moito éxito o Entroido, e en Fin de Ano levouse moito sempre na Laxe facer o baile, pero xa levamos sen facelo catro ou cinco anos. Valoramos recuperalo, pero pagar unha formación nesa data é custoso e para ter tres ou catro veciños, preferimos investir noutras cousas.


E tamén fan excursións. Algunha proximamente?
Temos plantexada unha a Portugal, aínda que nós a Portugal facemos catro ou cinco ó ano, porque a demanda é importante. Temos preparada outra á praia das Catedrais e a San Andrés de Teixido.

 

Que lle gustaría recuperar, do que facía sendo cativo?
Vanse rir de min, pero hai xogos populares que faciamos, as vareadas, o trompicallo... Eran moi divertidos. A Laxe tamén estivo sempre moi vencellada ós Maios. Recordo ser unha chea de rapaces indo a roubarlle as flores ós veciños, subir ós laranxos... iso tamén era unión na Laxe. Agora non queremos deixar ir a asociación e necesitamos apoio, tamén con traballo. De feito, o local social foi feito así, todo polos veciños. Un facía ladrillos, outro era carpinteiro e facía portas...

 

A ver se a xente se anima,  logo.
Xa o di o refrán: quen vai á Laxe, non perde a viaxe. 

Integrantes de la asociación Contra Vento e Marea
Integrantes da asociación Contra Vento e Marea

Diego Dasilva (Contra vento e marea): “O principio foi complexo, pero xuntos estamos creando cousas bonitas na Laxe”

Te puede interesar