Germán Torres | “Coa poesía pasa como coa música clásica, que a xente que a proba queda enganchada”

Germán Torres | “Coa poesía pasa como coa música clásica, que a xente que a proba queda enganchada”
Germán Torres é o presidente da asociación Mesa das Verbas de Vilagarcía | gonzalo salgado

Germán Torres é un home pegado á lingua, aos libros e á literatura e boa mostra diso é que na súa chaqueta loce unha pequena chapa coa figura de Rosalía de Castro. Recentemente elixido presidente da Mesa das Verbas este vilagarcián fala de poesía, de literatura e tamén reflexiona sobre a proximidade das novas xeracións ao mundo dos libros.


Foron dous anos duros de pandemia, pero esta elección como presidente implica que a Mesa das Verbas aínda ten moito que dar de si?

Si, claro. Nós consideramos que este é un proxecto válido, que está tendo os seus resultados e que por iso queremos que perdure no tempo. É certo que a maioría dos que estamos somos xente maior e por iso estamos tentando traballar tamén para chegar á xente máis nova.


Non é esa tarefa fácil...

Non, non o é. Eu xa lle digo sempre aos compañeiros que moita xente nova ten os seus propios proxectos. Veñen, aparecen, volven marchar... O que si é que queremos que a xente escriba e lea porque consideramos que a creación literaria e a cultura non son pra as élites, senón para o pobo. Daí que tamén para intentar atraer á xente máis nova poñamos en marcha diferentes concursos.


Concursos e tamén certames, como foi por exemplo este ano o Xaquina Trillo...

Si. Estivemos debatendo na asociación como chegar ao público máis noviño. Un compañeiro, o vicepresidente Xosé Ramón Quintáns, propuxo que en vez de facer os concursos enfocados sempre a xente de máis idade podiamos intentalo con xente máis nova. E aí xurdiu o Xaquina Trillo que, de verdade, foi todo un éxito. Participou moita xente e os tres gañadores mostraron un gran uso da linguaxe e incluso da estrutura poética tendo en conta que están aínda na ESO.


A poesía non deixa de ser, aínda, un xénero minoritario...

Pasa como coa música clásica. A xente que a proba queda enganchada. Nós temos que recoñecer que en Galicia, pese a que agora estamos vivindo un “boom”, sempre foi un sitio donde predominou máis a lírica e a poesía. Nós vimos que a calidade das cousas que se presentaron ao Xaquina Trillo é moi boa, que hai ideas moi profundas pese a ser xente moi nova. Para o ano tocaralle ao alumnado de Bacharelato. O que queremos é que a xente se prenda da poesía e, por extensión, da literatura.


O que está claro é que Vilagarcía adoecía claramente dun premio literario.

Aquí hai un premio literario durmido, que é o Fermín Bouza-Brey e que parece que hai certo compromiso por rescatalo. Hai xente en Vilagarcía que escribe con certa calidade e que está obtendo premios en certames que se realizan fóra. Ademáis do Bouza-Brey, e unido á Exposición Internacional da Camelia que se comparte con Vigo e Pontevedra, en Vilagarcía había un premio para un artigo xornalístico publicado en prensa e outro premio de poesía vencellado precisamente á camelia. Todos eses premios desapareceron e penso que se deberían recuperar.


Cre que para escribir poesía hai que ter talento ou escribila ben é algo que se consegue a base de práctica?

É a pregunta do millón. Loxicamente hai xente que ten unha actitude máis proclive á lírica, como unha maior sensibilidade para captar emocións e cousas que outros. Pero con iso non chega, hai que practicar. Como sempre digo eu, hai que xogar coas palabras. Ás veces saen cousas mellores e outras peores.


Hai xente que di que non le poesía porque non lle gusta.

Moitas veces iso é simplemente por descoñecemento. Se ti te achegas ou coñeces a poesía sempre vas atopar algún poema que encaixe ben coa túa forma de ser e coas túas vivencias. Non podes dicir a priori que non che gusta igual que non podes dicir que non che gusta un prato se non o probaches. Coa poesía pasa exactamente o mesmo. Hai que probar, e se xa de nenos se introducen na literatura, moito mellor. É difícil, pero hoxe en día hai moitos métodos para facelo. 

Germán Torres | “Coa poesía pasa como coa música clásica, que a xente que a proba queda enganchada”

Te puede interesar