Os italianos Talco inauguran hoxe máis de quince horas de música sen “stop”

O festival de Vilaxoán vive a súa xornada máis potente despois dun venres no que La Pegatina se despediu dos festivais en Galicia e coa mirada posta noutras propostas como os Dubioza Kolektiv, El Kanka ou Tanxugueiras, que prometen sorpresas nas súas actuacións
Os italianos Talco inauguran hoxe máis de quince horas de música sen “stop”
La Pegatina ofreceu no Revenidas un dos seus últimos concertos antes de separarse | MÓNICA FERREIRÓS

A historia do Revenidas podería reconstruírse tan só cos nomes que figuran nas camisetas daqueles que acoden –ano tras ano e coma unha peregrinaxe– ao festival das linguas de Vilaxoán.  Ese é o uniforme indiscutible para un festival que afronta hoxe a súa terceira xornada. Entre eses nomes están os de grupos que xa son lenda nesta cita ineludible, como Zoo ou Chikos del Maiz, e outros que seguen sumando actuacións e recordos naqueles que as viven. É o caso de Talco. 

 

Os italianos –con temas que son auténticos himnos– serán os encargados hoxe de inaugurar co seu ska máis combativo máis de quince horas de música en directo. Farano subindo ao escenario ás doce e media da mañá –despois de Catuxa Salom– e quentando un ambiente que se prolongará ata ben entrada a madrugada. O sábado deixará momentos destacados en Vilaxoán. Ás 14:15 tocará Xavi Sarriá e xusto despois, ás 15:20, desembarcan os The Rapants coa súa “máquina del buen rollo”. 

 

O grupo de Évole, Los Niños Jesús, actuarán ás 16:25 para deixar o ambiente perfecto para unhas Tanxugueiras que, a partir das cinco e media, prometen moitas sorpresas na súa actuación. Guadi Galego baixará un pouco as revolucións ás 18:50 e dará paso a El Kanka ás oito. Pola súa banda La Fúmiga actuarán ás 21:50 e os Dubioza Kolektiv (moi coñecidos no festival vilaxoanés) actuarán ás 23 horas seguidos de LDS, Rebeliom do Inframundo e Loita Armada. Mentres a Duendeneta pinchará ao longo do día será a Yaya DJ a encargada do fin de festa.


O certo é que o Revenidas xa deixou momentos únicos aparte dos propios concertos. Onte mesmo os Dakidarría presentaron no centro social o seu documental e este domingo serán a gran sardiñada popular e as actividades de balde tanto para nenos como para adultos. De momento aínda queda Revenidas por diante e unha boa climatoloxía para que nada limite a festa. 

 

 

Os italianos Talco inauguran hoxe máis de quince horas de música sen “stop”

Te puede interesar