A literatura está de festa en Vilagarcía, cunha nova edición de Cidade de Libro que comezou esta tarde no Miguel Hernández. Unha inauguración por todo o grande que contou coa escritora galardoada no 2024 co Premio Planeta, Paloma Sánchez Garnica, que presentou as súas obras, cargadas de intriga e suspense.
Foi o primeiro prato dun Vilagarcía, Cidade de Libro que enche de literatura cada un dos recunchos do Miguel Hernández, con actividades desde primeira hora para os máis pequenos. Os colexios participan no Literatour, un clásico xa deste evento, que organiza a Concellería de Xuventude en colaboración con Culturactiva e que pretende dar cabida a todos os xéneros literarios e a unha gran diversidade de autores, desde o local ao nacional, como Máximo Huerta.
As casetas do Miguel Hernández, na que poden verse librarías de Vilagarcía pero tamén doutros puntos de Galicia, así como editoriais. Alí poden atoparse algunhas das novidades deste ano, incluídas aquelas que os autores firmarán ao longo dos próximos días.
Contacontos ou presentacións en lugares privilexiados, como a de María Oruña na illa de Cortegada, así como actividades como a que se puido ver onte na Praza de Galicia, onde un grupo de detectives fixo as súas pescudas pola Praza de Galicia, ante a atención de todos os viandantes.
Foron Paloma Sánchez Garnica e Rober Cagiao os encargados de inaugurar Cidade de Libro, ante a ausencia de Gómez-Jurado, que mandou unha carta de desculpa explicando os motivos polos que non puido asistir. Ao longo destes días, haberá espazo para literatura de todos os gustos e xéneros, desde a poesía á novela negra, pasando pola romántica, fantástica ou xuvenil. Serán tamén os cativos os grandes protagonistas da edición.
As xornadas seguen un esquema que comeza, cada día, co Literatour, a partir das 10 horas e cos rapaces dos colexios (abriron os de A Escardia e mañán será a quenda do CEIP A Lomba, con noventa alumnos participantes); para seguir coa apertura das casetas, o espazo de presentacións, o recuncho dos contos e as ‘Conversas ao Solpor’, con Carlos Crespo e Susana Pedreira como moderadores.
A poesía será o xénero que protagonice ‘Uni-Versos’, a segunda xornada de ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’. Será o de mañá un dos días más dedicados aos nosos autores, cos vilagarciáns Andrea F. Maneiro e Juan Carballo nas presentacións. A xornada comezará co Literatour e a actividade regresará ao Miguel Hernández pola tarde, coa apertura das casetas ás 18 horas. Desde esa hora, os cativos terán unha cita co ‘Recuncho dos contos’, que contará co premiado autor Xerardo Quintiá, que crea un universo poético “á altura dos máis esixentes”. Unha hora despois, Quintiá unirase á firma de libros.
Ademais, na caseta da Librería Vidal estará tamén Juan Carballo, que ás sete da tarde presenta ‘Portugalego’, unha historia de amor, pero tamén unha volta ás raíces. As ‘Conversas ao solpor’ estarán moderadas pola xornalista Susana Pedreira. Contarán coa participación de Andrea F. Maneiro, carrilexa nacida no ano 1964 que acaba de publicar, con Alvarellos, o libro ‘Meridiano Orixe’, co que gañou o Certame Literario de Vilalba. Clara Pino, moi vinculada a Vilagarcía, tamén participará nas conversas sobre poesía, nun ano na que ‘As trobadoras silenciadas’ por fin cobran voz, para facer unha sentida homenaxe aos oficios desempeñados por mulleres. A elas, sumarase Samuel L. París.