“A novela aborda o tema da corrupción, pero a mensaxe que lanza é: Todo o legal é ético?”

“A novela aborda o tema da corrupción, pero  a mensaxe que lanza é: Todo o legal é ético?”
Diario de Arousa-2016-11-20-005-7e1ac49e

Boirense de nacemento e afincado en Vilagarcía dende hai uns anos a vida de Beni Yáñez (1987)está vencellada dende sempre ás letras. Recoñecido amante da literatura licenciouse en Xornalismo na Universidade de Santiago, dende hai oito anos, traballa en Diario de Arousa donde desempeña o cargo de redactor xefe. Agora desembarca no mundo da literatura ao grande, conseguindo coa súa primeira novela, “Os donos das cinsas”, o prestixioso Premio Vicente Risco de Creación Literaria. A corrupción, as eivas do sistema actual e unha forte base documental son os sinais de identidade dunha novela que convida á reflexión.

Primeira novela e directo ao premio... A idea de escribir este libro sempre estivo aí?
É certo que sempre tiven na mente o de escribir un libro. Hai xente que ten un montón de ideas e que despois, ao final, lle falta tomar a decisión. A min faltoume  a idea ata agora. No momento en que se me ocurriu díxenme: “Veña, desta vai!”.

A sinopse da novela di que nela se fala de corrupción... Como xurdiu esa idea?
Pois a idea xurdiu nunha tertulia sobre política, sobre corrupción, sobre o sistema en si. Foi nese momento cando pensei que escribir sobre iso estaría ben. Xuntas a idea con cousas que ves, que percibes ou notas, con determinadas eivas que pode ter o sistema e a partir daí construín a historia. Empecei a escribila en xullo de 2015 e acabeina, máis ou menos, en abril deste mesmo ano.

Cal é o fío argumental de “Os donos das cinsas”?
Pois na novela conto a historia de dous alcaldes dun pobo galego, centrándome na evolución política e personal de cada un deles e xogando con dous planos temporais.

E donde a corrupción xoga un papel importante...
A resposta corta é que si, que a novela vai de corrupción. A resposta longa é que a trama principal non é de corrupción, senón que nela se formula un debate entre o que é a ética e a legalidade. Digamos que plantexa ao lector a pregunta ou a reflexión de se é posible cumprir a lei e, ao mesmo tempo, ser ético nos comportamentos. Ou, pola contra, se respectando sempre a lexislación pode chegar un momento no que a ética sexa cuestionable. Todo isto, claro, vencellado co mundo da política. A mensaxe que quero lanzar é en base a unha pregunta: Todo o legal é ético?

É unha temática canto menos controvertida. Está ubicada a acción nalgún sitio concreto?
Non se di expresamente na novela, pero está ubicada e ambientada en Galicia nun concello que forma parte da fición. A historia é fición, pero digamos que todo o entorno que o envolve e as reglas que controlan todo ese universo son as mesmas reglas que hoxe en día controlan o noso sistema, tanto no que pode ser en Galicia como en España.
Requeriu a historia un traballo de documentación concreto?
Pois si, porque aínda que sempre tes certa idea de leis porque eres xornalista tamén é certo que non eres xurista nin avogado. É por iso que aínda que tes unha idea inicial sempre queres cerciorarte dalgunha cousa. Quixen, de feito, que en cousas concretas relativas ao sistema fose unha novela rigorosa.

Serviu a formación e o traballo como xornalista para fiar esta historia ou a fición é un universo totalmente independente?
Eu creo que este libro non tería nacido se non fose xornalista porque moitas das cousas que se plasman nesta novela son experiencias. É certo que a historia que aparece no libro é unha historia de fición, pero que o que nela acontece podería ocorrer perfectamente na realidade. Non quero dicir con isto que estea ocorrendo, pero que podería ocorrer. E digamos que ese coñecemento da realidade que trato no libro pois deumo traballar de xornalista.
É o primeiro premio que recibes por unha obra de fición?
Non é só o primeiro premio que recibo, que si, senón que tamén é a miña primeira novela. É por iso que estou contentísimo e para min é todo unha honra que o xurado elixise a miña obra.

E nada máis e nada menos que o Vicente Risco de Creación Literaria...
Pensei no Vicente Risco porque é un premio de referencia a nivel Galicia. Digamos que hai que empezar picando alto e cando che empecen a pechar portas por ir baixando na escala. É un premio que sempre tiven en referencia e estima. A verdade conseguir un premio na novela que se escribe pois anima moito a seguir. Eu creo que é tamén un labor deste tipo de premios, o de alentar a este tipo de escritura en lingua galega.

O Premio Risco de Creación Literaria está dotado con 6.000 euros en metálico, así como a edición de 150 exemplares da novela. n

“A novela aborda o tema da corrupción, pero a mensaxe que lanza é: Todo o legal é ético?”

Te puede interesar