Poucas cousas hai máis vilaxoanesas que as sardiñas, daí que a gran romería popular do parque de Dona Concha volvese a ser un éxito de público na última xornada do festival Revenidas. O evento musical e cultural abreu as súas portas ao pobo cunha cita gastronómica e festiva na que houbo de todo: sardiñas á grella, gastronomía da terra fusionada coas novas tendencias, espectáculos circenses e música, moita música. O Revenidas pechou así unha edición de récord e coa mirada posta xa no 2024.
O domingo empezou forte, pero cun ambiente moito máis familiar, despois dunha xornada do sábado maratoniana e cun cheo total nos concertos de maior renome. De feito non só os Heredeiros da Crus –que son un éxito de público garantizado– encheron ata a bandeira, senón que outros que foron soando ao longo do día como The Rapants ou Rodrigo Cuevas contaron tamén co apoio do público. O ambiente foise caldeando para a esperadísima actuación de Ska-P, dentro da xira de despedida dunha formación que leva máis de tres décadas creando himnos con letras moi reivindicativas. Empezaron forte, cun “Jaque al rey” e unha performance que fixo vibrar ao festival. Seguiron enlazando éxitos e remataron cun “Vals del obrero” que foi entonada “a capella” nun momento que xa queda gravado para a historia do festival vilaxoanés. Non baixou o ritmo tras a despedida de Ska-P, aínda que si lixeiramente a asistencia. Os Dakidarría e Rebeliom do Inframundo (que actuaron ao ter que aprazar o venres pola treboada) e que puxeron o punto final perfecto á última xornada de concertos a porta pechada.
A música do domingo xa foi cousa dos Terribles de Arousa (que participaron neste festival todos os anos dende o seu nacemento hai dúas décadas), de Xosé Lois Romero e Aliboria, da Louband e de Uxía molona e a banda molona. Pechou, por todo o alto, a Yaya DJ.