Samuel L. París | “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchara algo meu ”

poeta o muradán será un dos protagonistas da xornada de hoxe, adicada aos versos, coa presentación do seu último poemario, onde da un paso cara adiante para achegarse ao seu universo máis íntimo
Samuel L. París | “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchara algo meu ”
O escritor Samuel L. París estará hoxe en Cidade de Libro, en Vilagarcía

Samuel L. París (Muros, 1984) presenta esta tarde en Vilagarcía ‘O tenro e o salvaxe’, unha obra na que afonda no seu propio universo, un salto importante con respecto aos anteriores traballos. Será un dos autores que protagonizará as Conversas ao Solpor, xunto a Clara Pino e Andrea Maneiro. Coñecido tamén pola súa traxectoria na música, en bandas como Terbutalina’, chega ao Miguel Hernández nunha etapa máis intimista.

 

 

A súa poesía ten bastante de posicionamento político, segue ‘O tenro e o salvaxe’ nesa mesma liña?

Nunca considerei que o que fago é moi político, senón con certa conciencia social. Entendo que estaría a miña obra máis ben nese terreo. E esta liña mantense, pero fixen o esforzo de indagar noutros temas que, ao principio, costábame máis meterme. Fixen esforzo por entrar nos temas máis persoais. Amoso unha parte que xa estaba algo apuntada no anterior traballo, ‘O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo’, pero neste fun a por todo.


E cales serían eses temas nos que afonda?

A vulnerabilidade, a capacidade para equivocarme e revolcarme, temas familiares nos que ata agora nunca entrara... Non participara niso, nese tipo de poesía. Agora abordo temas máis vivenciais, como unha mirada sobre a infancia. Cando vas gañando anos, te permites botar a mirada atrás para ver que pasou aí. Nesta ocasión entrei nese tipo de temáticas, que ás veces están nun primeiro plano e outras máis desdebuxadas.

 

E como foi ese proceso, entendo que falar da vulnerabilidade é complexo...

Totalmente. Foi moi importante a posibilidade de participar na Residencia Illa San Simó e ter ese momento para poder pararte cos temas que queres tocar, ter unha marxe para saber como resolvelo e como te queres expresar formalmente. É necesaria esa pausa, sobre todo cando é algo tan intenso. Foi un proceso bastante duro. Foi un poemario, ‘Tenro e salvaxe’, que cando acabei foi como quitar un peso de enriba. Foi como se marchara algo meu.

 

Acabo de publicar ‘Pifostio’, que é narrativa e son 61 textos breves nos que o único que podo dicir é que nada ten sentido pero todo ten sentido

 

 

Cando fas recitais son moi chamativos e participativos...

Para min cada recital é único e busco que a xente atope algo diferente. Para cada obra ou data que vai saíndo, busco cambiar, que o público marche coa sensación de que veu algo que nunca vira. Houbo épocas nas que ía acompañado dunha batería ou dunha guitarra eléctrica. Agora o que busco, nas presentacións da miña obra, é algo máis básico. Trato de volver a darlle protagonista á propia palabra, non esconderme tanto detrás destes artificios. Así é a proposta coa que estou agora, pero sempre, en esencia, o que busco é que a xente que asiste ás presentacións das miñas obras se sinta interpelada.

 

Como valoras espazos como Cidade de Libro e que se lle dé protagonismo á poesía?

A poesía para o encontro é fácil de levar. A literatura, en xeral, é algo que anima á conversa. Da mesma forma que todos falamos con amigos e familia sobre o que estamos lendo, que se faga nun campo público sempre é positivo.

 

Tamén acabas de publicar ‘Pifostio’, como a describes?

É narrativa. Son 61 textos breves e o que podo dicir é que é un libro no que nada ten sentido pero todo ten sentido. 

Samuel L. París | “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchara algo meu ”

Te puede interesar