A asignatura do leite

Cando vemos a un coletivo como o gandeiro-leiteiro levando a cabo mobilizacións tan potentes e prolongadas no tempo como as que estamos a ver en Santiago, Lugo, pero tamén en Vilagarcía, Caldas e Pontecesures temos que reflexionar e comprender que algo non vai ben. Sociolóxicamente, forman parte dun continxente que non ten nas manifestacións uns dos seus principais alicientes reivindicativos polo que podemos tomar boa nota da gravidade da que estamos a falar.
Cando un litro de leite se lle paga a un produtor a un prezo de 0,30 euros (similar ao que che cobran por un litro de auga en calquera supermercado) temos que pensar que hai algo que non funciona, sobre todo cando estas multinacionais agroalimentarias non teñen problema en pagar bastante máis polo mesmo produto (non entremos a valorar, neste caso, si o noso é mellor que o dos outros) en países onde teñen referenciados os seus intereses, como por exemplo Francia.
O argumento que serve para todo o malo, cando se trata de socializar perdas ou acabar cun sector produtivo fundamental para o desenvolvemento de Galicia, volve a falar da imposibilidade de fixar prezos mínimos, salarios dignos ou cifras que garantan a sostenibilidade por aquello da defensa do “libre mercado” onde non houbo escrúpulos en poñer cotas lácteas para capar o sistema produtivo galego.
De novo, detrás de toda esta historia está a “solidaria” Unión Europea que a través das súas diretivas o único que fai é “castrar” as posibilidades produtivas dun sector tan fundamental para o noso país como o lácteo-gandeiro facendo valer ao seu antoxo as reglas do libre mercado. Despois non temos por que estranarnos cando organizacions de consumidores realizan análises aleatorios entre as principais marcas do sector e nos atopamos con sorpresas maiúsculas sobre a cantidade real de leite que hai nun tetrabrik e canto é de mezcolanza entre lactosa e auga, mentras o produto de calidade dos nosos gandeiros tense que espallar polos campos con cisternas como si de auténtico xurro se tratara.
Cada día que pasa imos descubrindo que detrás de todo aquelo que nos contaban sobre a Unión Europea é máis un “conto chino” que unha realidade baseada na construción solidaria dunha nova sociedade avanzada onde a igualdade de oportunidades, a liberdade de movementos de mercadurías e persoas (que llo digan aos exiliados e refuxiados sirios, rumanos e demais) sería unha realidade. Últimamente cando me falan de Europa éntrame unha “mala leite”, ou non?

A asignatura do leite

Te puede interesar