Eu non ía, a min levábanme...

Agora que a Súa Maxestade está de estreo nesto de chamar a consultas aos líderes dos principais partidos con representación no arco parlamentario e que o PPdeG na provincia de Pontevedra apadrina un escrito pedindo unha reformulación da Lei de Acuicultura de Galicia ven ao meu maxín aquel episodio que, non sei si foi verídico, pero como di o refrán “se non é vero é ben trovato”, dun alcalde franquista que a poucos meses do falecemento do dictador viuse envolto nun percance curioso. 
Resulta que un bo día un pobo, dos poucos da Península Ibérica que daquela se atrevía a protestar, non tivo mellor idea que saír en manifestación, como xeito de protesta por un tema de índole local, polo centro da vila. Os rotativos da época, ao igual que faría hoxe o Diario de Arousa, publicou na súa portada unha fotografía que inmortalizaba o suceso, con tan mala fortuna que o que aparecía en primeiro plano era o propio alcalde sostendo a pancarta. 
A cuestión correu como un regueiro de pólvora polas distintas instancias e despachos políticos do Movemento ata chegar, como non podía ser doutro xeito, ata a mesa do gobernador civil que, como máxima autoridade e garante da orde pública, decidiu tomar cartas no asunto. 
Como medida previa á toma de decisións de alto calado, decidiu chamar ao alcalde para que se presentara á maior brevidade posible no Goberno Civil para nunha audiencia expres escoitar sentenza severísima sin apelación posible. A medida que o pobre home ía subindo polas escaleiras do rexio palacete ía cabilando que escusa podía presentar ante tal comportamento e así chegou á porta do delegado gubernativo. 
O alcalde tivo que agardar máis dunha hora antes de ser chamado á presenza do gobernador civil quen o agardaba ao final dun longo pasillo, nun despacho inmenso, cunha gran mesa de traballo, detrás dun escritorio e á sombra dun retrato enorme do dictador. 
Nada máis entrar pola porta viu ao gobernador que cos ollos ensanguentados blandeaba un xornal coa fotografía da marcha cidadá impresa na súa portada. “Como pode un alcalde do Movemento ir á cabeza da manifestación?”, increpoulle o gobernador civil. Sin pensalo dúas veces o alcalde respostou de inmediato: “Eu non ía, a min levábanme”… 
Algo así parece que estean a pensar os dirixentes locais do PP no Salnés que prefiren terse que enfrontar coa Xunta pola Lei de Acuicultura que co sector do mar en portas dunha nova convocatoria electoral, ou non?.

Eu non ía, a min levábanme...

Te puede interesar