A vieira marca o inicio oficial do Nadal...

O comezo da campaña da vieira marca o estreno oficial das Festas do Nadal e faino con boas perspectivas para os vieireiros cambadeses que miran con optimismo as primeiras capturas tanto en cantidade como en calidade deste bivalvo. Os mariñeiros que se adican á captura desta especie teñen depositadas nestas datas a súa esperanza de pechar un ano en positivo, desde o punto de vista económico, posto que a extración deste molusco representa un aporte moi importante para moitas familias cambadesas.
A ausencia de toxina que permitiu abri-la temporada deste ano con total normalidade coincide tamén cunhas perspectivas de prezo e capturas moi interesantes xa que a campaña se abriu con máis de tres toneladas recollidas e con prezos que se achegaron en moitos casos a 6 euros por quilo o que representa un bo equilibrio entre a oferta e a demanda. Tamén se ve que á hora de eviscera-las vieiras os exemplares capturados presentan un aspecto magnífico e un tamaño moi axeitado para a súa comercialización.
Os topes establecidos, de 45 quilos por tripulante e un máximo de tres mariñeiros nas 25 embarcaciones que están autorizadas para saír a faenar en Cambados, parece que están sendo ben acollidas polos responsables da Confradía que ven con bos ollos as expectativas creadas para esta campaña de Nadal.
Por outra banda, sinalar que o sector segue polo seu camiño de maior profesionalización e coidado do recurso como xeito claro de apostar por un futuro sostible na explotación racional da vieira acompañado tamén por unha demanda e un proceso de comercialización que permite falar dunha rendabilidade aceptable nun sector que nos últimos anos non estaba pasando precisamente por un momento doce debido a diversos contratempos que impedía o seu normal desenvolvemento.
Agora, a intención dos mariñeiros é poder “estirar” ao máximo a rendibilidade do recurso e alternar axeitadamente as zonas habilitadas para faenar e poder explotar con cabeza as posibilidades extractivas do noso litoral co fin de que exista o equilibrio axeitado entre a oferta e a demanda para que se poda artellar un modo de garantir o máximo resultado posible para os traballadores do mar.
Cada vez é máis asidua a presenza da vieira nos xantares familiares destas datas tan especiais non só nos mercados galegos senón españois o que converten a este molusco na raíña do Nadal, ou non?

A vieira marca o inicio oficial do Nadal...

Te puede interesar