Miguelanxo Prado, en “Doce miradas”

Dentro do proxecto multidisciplinar “Doce miradas. Riverside”, que leva a cabo a galería  Vilaseco, en colaboración coa Estrella de Galicia, Miguelanxo Prado presentou a súa proposta de doce pezas coas que ilustrar os motivos esenciais da súa andaina plástica; trátase dun percorrido tan cheo de recunchos e misterios da memoria que él só atina a explicar coa metáfora da pelusa ou medusa mariña, que vai medrando pouco a pouco, por engadido de pelos. Este puzzle( así o chama él)  abre outras tantas portas a un océano ilimitado: aquel De profundis de onde foi saíndo o seu fértil imaxinario. 
Falábamos hai pouco, co gallo da súa mostra no Kiosko Alfonso, da forza  do atlantismo na súa obra,  da súa sabia ollada, abeirada do enorme, enigmático, incomprensible universo. Por eso nos aleda descubrir que pon, como inicio desta viaxe de doce paradas, unha conversa ficticia con Mercedes Prieto Dunwall ( neta de galegos), que é catedrático de  física cuántica na Universidade de Masachusetts; sulágase aí nos abismos do espazo-tempo e nas eiras inmedibeis do universo que habitamos. 
O que ven despois é todo descubrimento, todo interpretación por medio do debuxo e da cor, por medio das súas fábulas poéticas que se sulagan nas esmeraldinas lembranzas dun mar sin tempo, do que él e navegante e medium. A veces - tamén il o declara- a súa inspiración arrinca dalgún intre que semellaba esquecido, pero que está agochado aí, no medio dos pelos da pelusa mariña, agardando para agromar; isto foi o que lle sucedeu cun poema antigo  (que tamén figura na mostra) que lembrou de súpeto e que o devolveu a ese “sentido mítico e místico que ten o oceáno”. Así di o poema: “ Debeu ser o vento Nordés errático e improbable o que encheu a miña cabeza / daquelas memorias míticas e oceánicas/ facéndoo náufrago de lembranzas alleas,/ pecio incrible dunha marexada remota.”. “¡Pecio incrible dunha marexada remota”, ¡qué fermosa metáfora! ou más ben imaxe visionaria, pois dese fondo sin fondo extrae él, ou quizais sáltanlle á man, as criaturas que pinta, como ocurriu, según conta, no 2012 cun cetáceo ou balea  que debuxou no mantel da mesa onde comía e que logo encaixou na película de animación “De profundis”. 
Pero a temática submariña xa estaba aí, nos cadros do 90 e do 2000, nos que se confesa  herdeiro de Lugrís. Miguelanxo dí pertencer a unha xeneración desubicada, que viviu as vangardas do 70, pero que non atopaba o seu centro; mais iso tamén lle permitiu seguir un camiño de libertade, sen ataduras ou cánones preestablecidos. Dí que o seu quefacer se foi desenvolvendo de xeito asilvestrado e que, máis que unha linguaxe é unha amalgama de escrituras, ondas que asoman ao debuxo como o fan na música, sen plan previo, e que a escritura é a que o axudou a pensar. Por eso para él cada obra é un novo desafío, unha nova percura de expresión, un camiño que aínda non está andado , pero que ten as raíces ahí: nos fíos da medusa, na enfondura do  pecio do que quizais se nutre toda verdadeira obra de arte.
 

Miguelanxo Prado, en “Doce miradas”

Te puede interesar