MANGOURAS

Alá por novembro coñecerase a sentenza que dará o nome dos culpables de causar o desastre do “Prestige”. Non será unha novidade por que son tres os acusados. Porén, o máis importante do ditame xudicial será coñecer quen se fará cargo de pagar os gastos do vertido. Iso vai ser difícil de cobrar debido ao desleixo das autoridades españolas no proceso xudicial que se iniciou en EEUU contra a sociedade cualificadora do petroleiro. Así que de máis pelas a conta do naufraxio non haberá, iso seguro, aínda que os gobernos do Reino gastasen máis de 150 millóns en buscar a razón nos tribunais ianquis. Unha pasta.
Non queda máis que levar ao cadafalso ao capitán Apostolos Mangouras, ao xefe de máquinas Nikolaos Argyropoulos, e o responsable da Mariña Mercante española en 2002, José Luis López Sors, que é máis ou menos como procesar ao enxeñeiro que trazou unha autoestrada e aos deseñadores dun automóbil que se esnafrou nela. Moitos galegos vimos con indignación como dous guardias civiles levaron esposado a Mangouras ao cárcere e como bombardearon ao opinión pública culpando ao capitán de ser o demo en persoa. Menos mal que houbo voces do sector náutico que o defenderon, porque aínda quedan galaicos que teñen un pasado na mercante e que saben a forma en que se desenvolven os asuntos do mar e o respecto e obediencia que se lle debe ao comandante dun buque, de que se di que só ten a Deus por encima nas súas decisións.
O xefe de máquinas tampouco ten nada que ver no desastre, simplemente quedou a bordo para axudar nas complexas manobras realizadas co buque, dado que o primeiro oficial, de orixe filipina, non debía ser de fiar, de feito está desaparecido, ao igual que López Sors, que algo sabe de estruturas de buques, pero que naqueles momentos era un cargo político.
A fin de contas todo o desastre foi político e dirixido desde as devesas castelás ou desde o estanque do Retiro. A consigna era afastalo da costa, lóxico, así se ía a pique chegaría menos chapapote ás costas, pero non había máquina e os remolcadores cobraban unha millonada, que como todas as compras había que regateala, e mentres tanto o petroleiro se aproximaba á costa galega, regando de fuel o litoral.
Houbo que dixo que ningún capitán responsable navegaría nunha chatarra flotante, seguramente sen saber nada da mariña mercante ou pensando que cruzar a mar océana é o mesmo que ir de paseo un iate pola ría de Vigo rumbo ás Cíes. Mangouras recordou o que foi Galicia e o que lle debe aos miles de tripulantes galegos que navegaron polo mundo a bordo de todo tipo de buques, desde a ponte de mando até nunha insalubre sentina. 

MANGOURAS

Te puede interesar