Friquis no ximnasio

Recordo que na miña primeira vista ao Sahara os especialistas insistían moito en que había que beber cando se tivese sede en grolos pequenos, pero que me esquecese de engulir líquido sen necesidade. Nos tres días que estiven entre as dunas creo que non pasei dos dous litros.
Pero nos anos que levo indo ao ximnasio, tanto en territorio autóctono como en foráneo non me deixo de asombrar dos usuarios das pesas e das bicicletas estáticas que entran a facer deporte cunha garrafa de auga por se morren deshidratados nada máis entrar. Faime graza que consomen o líquido en media hora e o resto do tempo non fan máis que carreiras curtas até o váter.
Os temerosos de morrer de sede son un grupo dos moitos que se ven nos ximnasios públicos ou privados, onde pulula toda unha cohorte de seres inimaxinables até que se ven ou repara un neles. Como, por exemplo, o inconsciente, que vén sendo aquel que non quere recoñecer o paso do tempo que perto da idade de xubilación se sente como un rapaz de vinte anos. Estes pouco duran. Aos tres meses de asistencia diaria acaban desfalecendo por unha lesión nas costas ou un cóbado botado a perder.
Entre todos os grupos de usuarios da cultura física, o que máis me chama a atención é aquel que se ducha despois da ximnasia en traxe de baño, non sei se para non verse ou para que non o vexan e o imposible é que haxa quen se asee vestido e coa porta cerrada. Isto non é ningunha esaxeración, como tampouco o é que a gran maioría ten unha habilidade de premio para nun plis plas sacar a vestimenta de deportes, pasar pola auga e saír con roupa formal.
Nunca pensei que os galaicos fosen tan pudorosos das súas cousas, aínda que algúns destes recatados gustasen de ir a praias nudistas como escoitei, aínda que non sei se é realmente certo, porque este punto non o puiden comprobar.
É que nos ximnasios hai friquis como na vida mesma, como hai ciberenfermos tamén existen os ciberdeportistas, os que entran nas instalacións cun pdf extraído de internet con exercicios imposibles e inadecuados para a súa idade ou capacidade. Non é primeiro que vexo que pregunta por este ou aquel exercicio e a súa máquina correspondente, que sempre se corresponde cun aparello da teletenda. E que os galaicos non sabemos diferenciar entre realidade e imaxinación.
Unha das grandes calamidades de Galicia é que a cultura física chegou tarde. Aínda así unha das poucas iniciativas boas que tiveron os alcaldes foi a de construír complexos deportivos para sacar a xente ociosa da rúa e tela correndo ou nadando varias horas ao día, polo menos así deixan prevaricar sen apuros.

Friquis no ximnasio

Te puede interesar