Ir a fracasar a Madrid

Alistaxe de galegos que se lanzaron a facer fortuna na capital do Reino é extensa debido a que conviven máis naturais de por aquí polas rúas madrileñas que polas corredoiras galaicas. Así que encontramos persoal autonómico en todas as profesións e sectores que pululan polas avenidas da cidade principal. Algúns chegaron a golpe de fusil e outros en tren, pero todos coa ilusión de facer fortuna e aparecer citados na prensa estatal ou ir de invitados a unha montería. Alá cada un cos seus intereses.
Nestes tempos tan globalizados aínda hai naturais galaicos que pensan que se non están na capital non son ninguén. Por exemplo, o polifacético Antón Reixa, o penúltimo exemplo dun galego que de éxito autonómico embarcase nunha aventura madrileña que lle dura uns meses. Non sei que se lle perdía por Madrid a non ser que quixese sumar un fracaso á súa carreira tratando de comandar a nave pirata da SGAE, como lle ocorreu a Arsenio ou a Luis Suárez, coruñés que foi cualificado pola prensa deportiva tras o seu desastre na selección nacional española como “gallego, en el peor sentido de la palabra”.
É que non aprendemos. Na capital do Reino somos definición do dicionario da RAE e non todos podemos triunfar en Madrid como Tomás Ares Pena, coruñés coñecido como Xan das Bólas, que deleitaba aos chulapos comedores de porras nos cafés cantantes. Pero seguimos insistindo e algúns non aprenden, como Mariano Rajoy, que aí anda, que sigue sendo “gallego” por moi presidente do Goberno que sexa. Outros tamén queren facer carreira en Madrid e cando falan en español imprimen ás súas palabras o acento creado por Carlos Arniches, aprendido nas obras de teatro de Estudio Uno e nas funcións cabareteiras da Gran Vía.
O primeiro que din por alá cando un quere iniciar o camiño do éxito é “gallego”, despois veñen cualificacións como “político do noroeste”, “promesa” e pouco máis. Porque do nome real ninguén se acorda. Temos por aquí un empresario que non pulula pola capital e do cal non coñecen case nada máis alá do nome e o primeiro apelido, aínda así hai parlanchíns que se atreven a citalo como Amancio Ortega Lara. Non pasará tempo en que haxa un Alberto García Feijóo perdido nos faladoiros radiofónicos.
Todo ten o seu lado bo, como é o de vir pasar agosto a Sanjenjo o Sangenjo o Sanchencho nun chalé de luxo a bordo dun mercedes, como viñan os emigrantes de Alemaña nun automóbil da marca Hertz rent a car. Non sei se Reixa será destes, pero é un máis dos que irán saíndo de Galicia levados polos cantos das sereas do estanque do Retiro e regresarán escaldados das súas augas apozadas.

Ir a fracasar a Madrid

Te puede interesar