ACABOU O ENTROIDO, CAERON AS MÁSCARAS

Van alá xa vinte semanas desde que este que subscribe asumiu a emocionante e responsable andaina de colaborar activamente neste seu querido Diario de Arousa; vinte semanas nas que cada mércores Somos Maioría Vilagarcía tivo a oportunidade de manifestar directamente e facerlles chegar ás lectoras e aos lectores as súas inquedanzas, as súas protestas, a súa visión sobre a vida política municipal. E durante todo este tempo, quen leu esta sección os mércores puido atopar en varias ocasións as críticas -duras nalgúns casos- ás formas que ten demostrado o equipo de goberno desde que accedeu ao poder no Concello. 
Desta volta o asunto é semellante, pero máis grave, pois xa non é só cuestión de lles botar un ollo ás formas, xa non é un asunto puramente estético, senón que xa nos vemos na obriga de ir ao fondo e entrar no eido do ético. E créanme que iso non é prato do gusto de ninguén que -coma as persoas que formamos Somos Maioría- teña o convencemento de que a Política é a ciencia destinada a traballar en sociedade polo ben común, polo de todas e de todos. 
Evelyn Beatrice Hall, unha das biógrafas de Voltaire -a quen se lle atribúe por erro a frase seguinte- foi a que en realidade redactou a afirmación “Estou en desacordo co que dis, pero defenderei ata a morte o teu dereito a dicilo”. Así entendemos nós o xogo político en democracia e polo tanto non queremos quedar en silencio ante unha inxustiza cometida estes días con dúas formacións políticas con representación municipal. O feito de sermos o grupo máis pequeno da Corporación ten as súas vantaxes, pois así, somos a primeira forza en falar nesta sección cada semana. Isto, neste caso, ten o beneficio engadido de que podemos sacar o tema ao aire e deixar que sexan os grupos implicados -se así o quixeren, obviamente- os que dean os detalles, porque aínda que a nós non nos ocorrese desta volta, por aquilo de poñermos as barbas a remollar que di o refrán, e por moito que doia, non queremos deixar pasar por alto un tema tan grave como este. 
E que terá que ver todo isto co Entroido, non? Pois a relación é sinxela de explicar.  Efectivamente, unha vez que a meteoroloxía nos permitiu poñerlle o remate a ese tempo festivo, agora que xa pasaron eses días de desenfreo absoluto nos que cun disfrace todo o mundo se pode converter noutra persoa, é o momento de sacar as máscaras e amosar o que se agochaba, de deixarnos ver tal e como somos, sen enganos, sen mentiras... E o Partido Socialista de Vilagarcía de Arousa, esa formación que presume de ADN democrático, acaba de facer precisamente iso esta semana na que vai ter lugar o pleno ordinario do mes de febreiro: deixar atrás o disfrace da participación, da democracia, da transparencia; esquecer o famoso “talante” do que tanto presumen e pecharlles as portas de mala maneira ás mocións presentadas por dúas formacións políticas e negarlles a posibilidade de debatelas no Pleno. Si, amigas e amigos, é forte, pero amparándose en escusas do máis peregrino, quedan fóra da Orde do Día do Pleno Ordinario as mocións que presentaran dous partidos políticos con representación nesta Corporación.
Dise normalmente que se conta o pecado pero non se di o pecador. Neste caso o pecador xa o coñecen e a pouco que busquen han saber cales son as vítimas que sufriron as consecuencias do pecado, que seguramente e neste mesmo medio han dar detalles... A nós chéganos con facer tamén nosas as palabras de Hall e defender o dereito de todos os grupos a facer as súas propostas, esteamos de acordo ou non con elas. É unha mágoa, pero rematado o Entroido, coa caída das máscaras, esta cara que nos amosa o Partido Socialista non nos gusta nada. Esperemos que a maquille cando menos...
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

ACABOU O ENTROIDO, CAERON AS MÁSCARAS

Te puede interesar