DE TODA (L) A VIDA

N   on, que non se me asuste ninguén, que axiña paso a explicar a broma do L. Que non cunda o pánico...
Di a Lei 3/1983 de 15 de xuño no seu artigo número 10 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Pois iso, unha norma, a coñecida Lei de Normalización Lingüística -que vai facer trinta e tres aniños xa- obriga a que os topónimos galegos se empreguen -cando menos de xeito oficial- unicamente na súa forma galega. Non é moi complicado de entender: os sitios e as persoas temos un nome e as traducións a outros idiomas non sempre son aceptadas. E neste noso caso, no galego, todo isto vén amparado por unha lei, que é unha verdade acordada por todas e por todos, e xa se sabe que a verdade é a verdade, así a diga Agamenón ou o seu porqueiro. Ou non é? 
Daquela, neste estado de cousas, e aínda que só sexa por manterse dentro da norma -desa verdade acordada- resulta lamentable ver que aínda hai quen segue defendendo a utilización de determinados topónimos desfasados e pretende xustificar as súas “manifestacións lingüísticas” -ocórrenseme outras expresións, pero son bastante menos decorosas- no feito de levar “toda la vida” facendo así. “Se dijo Villagarcía toda la vida y porque vengáis ahora cuatro galleguistas a cambiarlo no va a dejar de ser así...”; “Bueno, hombre, Villa es Villa de toda la vida”; “En mi casa toda la vida dijimos Villagarcía”...  Isto mesmo escoiteino en non poucas ocasións e si, efectivamente, durante toda a vida. 
Pero veña logo, se hai que entrar ao xogo de aparcar por un momento a lei e movernos nesas “normas cronolóxicas” que pretenden ser base para xustificar usos, entramos. Pero nin por esas, pois tales medidas absolutas do tempo -toda unha vida, que dicía o bolero...- non as pode marcar cadaquén ao seu gusto, porque a ver... Que vén sendo “toda la vida”? Corenta anos? Setenta? Noventa? Dá igual. 
Mesmo neses casos non se lles pode dar a razón porque... saben? Resulta que existe un documento notarial do século XV que marca o nacemento desta nosa vila. Se nos botamos máis de cincocentos anos atrás -e que me veña agora quen queira co seu “toda la vida” e supere  isto- atopamos a Don García de Caamaño falando xa do seu “porto e lugar de Vilagarcía”. Vaia, ho! Pois isto si que é absoluto... Isto si que é toda a vida porque falamos do documento co que o bo de Don García daba por fundada a súa vila. Oficialmente naceu nese momento e con ese nome, ou sexa, que Vilagarcía de toda a vida.
Pero non, haberá quen siga tirando de apropiamentos cronolóxicos e siga facendo absoluta a súa medida sobre o que é “toda la vida”. E mentres así sexa, seguiremos padecendo as “Villagarcías”. Ou peor aínda, pois seguiremos sufrindo ataques nos tímpanos cos “Rubianes”, “Villajuanes” e mesmo con algunha “La Lage”, porque “fue así de toda la vida”... 
En fin, isto é algo que está na rúa e sei que pode resultar moi complicado modificalo, pero a representación pública da cidadanía xa é outro cantar. Fíxeno algunha vez participando como público nun pleno municipal, pero agora xa o fago desde o outro lado da liña; e desde esta posición si lles pediría a algunhas compañeiras e a algúns compañeiros da Corporación Municipal que fixesen dunha vez o esforzo por lles chamar aos sitios polo seu nome, pois así o esixe a Lei e debemos ser exemplo da súa aplicación, non só por escrito. Así que, por favor, por lei, ou porque o de “toda a vida” resulta que non é tan así como se podía pensar, a ver se nos esforzamos un chisquiño máis e lles chamamos aos lugares polo seu nome... para toda a vida.
                *Voceiro municipal de Somos 
                       Maioría Vilagarcía.

DE TODA (L) A VIDA

Te puede interesar