Todas e todos de acordo: O mar é noso!

A   ninguén lle pasa por alto que as galegas e os galegos somos especiais. Somos a mellor xente do Mundo -do noso Mundo polo menos, que outras xentes terán o seu,  claro está- pero a especiais podemos afirmar con seguridade total que non nos gaña ninguén. Temos ese aquel tan aquelado que nos fai que aquelemos todo dese xeito tan aqueladiño, pero especiais. Dicía Risco na súa obra Mitteleuropa que “o galego é de cote un hipercrítico”. Ai, se Don Vicente levantase a cabeza nestes nosos tempos abofé que se había reafirmar aínda máis no seu convencemento... Porque si, certa tendencia á crítica temos, pero á hora de actuar rara vez nos poñemos de acordo.
Pero miren vostedes por onde, cando nos apertan onde nos doe, cando fan que salte o resorte do sentido de país -que por moi oculto que estea as máis das veces,  tamén o temos- aí si que sabemos unirnos contra quen sexa e sabemos pelexar contra o que consideramos inxusto. E na Ría de Arousa -tamén, a mellor Ría do Mundo- nese sentido non somos diferentes do resto das galegas e dos galegos. Aquí tamén sabemos tirar do carro na mesma dirección cando nos atacan, cando queren acabar co que é noso, cando pretenden privatizar, esquilmar, contaminar, -matar, en definitiva- un dos valores máis importantes dos que gozamos, como é o mar. E o mar está sendo atacado, e de moi mala maneira, pero habemos loitar. Habemos loitar contra unha Lei de Acuicultura absolutamente irracional que de momento está na súa fase de anteproxecto, e que de imperar a cordura non debera pasar de aí; non debera ir máis aló dun mal pesadelo que houbo que pasar para conseguir a unión de tanta xente. 
Porque por fin hai unión neste sentido, por fin parece que hai unha máxima que nos ten de acordo: imos defender o mar, pois é noso, das boas xentes que levan toda a vida mariscando, levantando cordas nas bateas, envasando ou cociñando produtos naturais cunha calidade insuperable... O mar é o medio de vida de moitas persoas que durante décadas foron sacando aos poucos o seu sustento; sacando, pero repoñendo, coidando o seu medio de vida.
O mar non é das grandes multinacionais que se poden ver beneficiadas se vai adiante esa aberración de Lei; o mar non é de quen quere chuchar de maneira salvaxe os seus recursos ata esgotalos; o mar non é de quen pretende criar peixes en gaiolas e contaminar as augas botándolles medicamentos. Non! É noso, e como tal, habémolo defender.
Dentro do perigo que supón o anteproxecto desta lei que pretende aprobar o Goberno Galego no Parlamento -porque esta lei supón un verdadeiro perigo, non o esquezamos- resulta gratificante ver que todos os grupos políticos de varias corporacións municipais están aprobando por unanimidade o seu apoio á proposta de rexeitamento da Lei que presentan os distintos colectivos afectados. Profesionais de diferentes sectores relacionados directa ou indirectamente co mar están loitando en non poucos concellos para que a súa proposta vaia adiante, e estano logrando. En Vilagarcía de Arousa tócanos esta semana, e todo apunta a que o apoio tamén vai ser total, ou así o desexamos desde Somos Maioría, pois sería ben triste que a Corporación Municipal, toda, non amosase unanimidade neste sentido. Parece que se impón a lóxica e que por riba das afinidades políticas, por riba da “disciplina de partido” dalgunhas forzas, aínda se pode confiar no sentido común. Oxalá que sexa así e que no Partido Popular de Vilagarcía de Arousa, como fixeron noutros concellos os seus grupos, tamén se rebelen contra esta ameaza e saiban actuar en consecuencia. E máis agora, cando unha das súas compañeiras máis destacadas asumiu novos roles no Parlamento Galego. Esperemos que tamén saiba estar á altura das circunstancias...  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

Todas e todos de acordo: O mar é noso!

Te puede interesar