Fernando Simón, Einstein e a tecnocracia

recuentemente escoito que na política deben decidir os técnicos, e incluso que a política debera desa­parecer e deixar todo en mans dos técnicos (que con certo aire elitista algúns chaman “xestores” coma se non fosen cousas distintas). Creo que o maior respecto que podemos ter polos expertos e o coñecemento é permitir que fagan a súa labor no espazo en que deben facelo, e logo que esa labor sexa fundamento das decisións e das estratexias. Pero non á inversa.
Fernando Simón quedarase probablemente no imaxinario colectivo como o home tranquilo, sabio, resolutivo e intelixente que afrontou unha difícil parte desta crise sanitaria que vivimos. Polo menos así será para a maioría, aínda que exista unha minoría de discutidores que como saben de todo poden criticalo todo. Simón, tal e como aparenta, é un experto. Un coñecedor dos fundamentos daquilo que trata, que sabe como integrar información e que sabe explicalo. Non é menor este último punto, ás veces denostado inxustamente entre o mundo do coñecemento, esquecendo aquelo que Einstein decía de que “sabes algo cando sabes explicarllo á túa avoa”. 
O argumento do amparo técnico permite, non entanto, escudarse e protexerse a quen quere non asumir a súa responsabilidade ou, o que é peor, tomar decisións interesadas pero xustificalas con cargo aos demais. Como convocar unhas eleccións “segundo din os expertos” cando non existen expertos que falen diso, como ocorreu en Galicia estes días.
Non neguemos, ademais, que moitas veces quen di que “as decisións teñen que tomalas os técnicos” está dicindo, en realidade, que “hai que decidir o que din os técnicos... que a min me gustan”. Porque se algo ten o coñecemento é que ten dúbidas, necesita confirmacións, probas e evidencias. E moitas veces “os expertos” opinan cousas distintas. Einstein, novamente, contaba que “a ciencia consiste en estar constantemente cuestionándose”.  Porque non hai resposta única aos problemas das economías en recesión, porque non hai un argumento “de experto” que diga se é mellor estudar francés ou chino, porque hai brillantes defensores tanto da privatización de empresas como do sistema contrario. Porque a sanidade non se pode dirixir cunha folla de excel. Non hai verdades únicas, e a verdade é que os dogmas inamovibles dan máis problemas que as mentes flexibles.
A realidade está en que os encargados de decidir traballen de preto con bos coñecedores do seu campo, con mentalidades críticas, con capacidades contrastadas. Así poderemos ter a garantía que a decisión tomada terá fundamento, poderá levarse a cabo e ten un obxectivo. Pero crer que esa decisión é única supón, precisamente, asumir que soamente hai unha maneira de pensar. E o que os verdadeiros expertos nos ensinan, como fai Fernando Simón cada día fronte aos millóns de expertos caseiros, é que a crenza de ter a verdade absoluta sempre é o peor para as decisións. 

Fernando Simón, Einstein e a tecnocracia

Te puede interesar