Os malos exemplos da responsabilidade

Hai apenas uns días lin unha reportaxe sobre un paciente de COVID en Ourense, que estivera ingresado 70 días na UCI e que calificaba, á vez, de absurdas e insuficientes as medidas tomadas. Entendíase, se é que algo é posible entender na súa argumentación, que as medidas non valían porque podían saltarse e evitarse. Como mellor exemplo posible, el falaba dende a terraza dun bar do concello do lado, escapando da súa propia cidade onde, polo aumento dos casos, non se podía estar cos amigos nas terrazas. “Coidámonos moito porque non estamos con ninguén máis”, decía.

É difícil contabilizar todas as cousas que están mal nese exemplo. Probablemente todas. Porque é un dislate esixir máis medidas cando as estás incumplindo, e cando fas alarde de incumplilas. É difícil calificar unhas medidas de absurdas cando estás dicindo, básicamente, que a túa principal vontade é atopar a maneira de saltalas. É absurdo, todo.

Non teño a oportunidade para falarlle a ese home, no que depositamos entre todos moitos recursos públicos. Unha contía que, probablemente (descoñezo as súas posibilidades) non sería capaz de afrontar e pagar por si mesmo como non o sería, probablemente, o 99% da poboación. Como non teño a posibilidade de falarlle non poderei contarlle como, absurdamente, eu si estou preocupado por el (parece que el non). Por dobre vía, tanto porque me preocupa el como me preocupan todas as persoas de Ourense e a comarca. E non polas restriccións, que poden ser molestas e incómodas, senón polo risco na saúde para todos e todas.

Acostumamos moito a queixarnos do que se nos ordea, pide ou regula. E somos especialistas en atopar as fendas (que sempre as hai). Por sorte hai unha gran maioría, á que non parece pertencer este señor que falou nun periódico, que cumpre e se esforza. Que acepta con abnegación e sentido colectivo as medidas, aínda que cumpriran fielmente e non teñan nin un gramo de culpa. Se tanto talento que teñen algúns para buscar problemas o adicaran a ter un sentido de responsabilidade sobre os demáis, mellor nos iría. Porque si, a responsabilidade colectiva nunca debe suplir nin evitar a responsabilidade individual. E todos necesitamos de todos. 

Por último cabería tamén dicir que unha maneira de alentar á responsabilidade individual é non dar voz aos irresponsables. Eu que sei, se cadra conseguimos que non se lles faga caso e que queden reducidos ao mínimo. É unha idea.

Os malos exemplos da responsabilidade

Te puede interesar