Queimar igrexas

Isabel Díaz Ayuso, Presidenta da Comunidade de Madrid e incontinente verbal en días impares, ven de preguntarse publicamente se retirar ao ditador Franco do horrible monumento do Val dos Caídos non acabará provocando que se queimen igrexas. “Como no 36”, engadiu.

Pasa xa de castaño oscuro o intento, obsceno, de facer pasar a historia do país como unha cousa que xa sucedeu e que non merece coñecerse máis porque, segundo parece, dignificar a historia é fomentar odio (ou iso contan). Non cabe ningunha dúbida que exhumar a Franco non pagará os recibos de fin de mes das familias, pero a realidade é que deixalo onde está tampouco o vai facer. O que cambia é ser quen de dar pasos a un país algo máis decente, onde non se garden e homenaxeen os restos dun ditador nun espazo que pretende ser un monumento. Nin máis, nin menos, que non é pouco.

A evidencia de que aínda necesitamos una volta máis de memoria histórica está en que existen dirixentes políticos, como Díaz Ayuso ou Ignacio Aguado que, dende o goberno de Madrid (que non é pouca cousa) adícanse a pelexar por quen di a maior estupidez. Este intento de aparentar que vivimos una situación preguerracivilista é una insensatez e un disparate. Nin Díaz Ayuso nin Aguado son conscientes do ambiente que pretenden crear. Malditos tempos que vivimos que non fomos quen de aprender dos erros do pasado. O que lles ocorre é que están suxeitos á ultradereita, ao discursos frontistas e retrógrados de Santiago Abascal, que lles condiciona e lles obriga a dicir cousas así para seguir apoiándolle os gobernos.

E así estamos, cunha ultradereita que pensábamos ter rexeitado e que agora ten influencia, condiciona e alimenta un clima irrespirable. Déixennos vivir, por favor. Deixen a este país resolver as súas débedas históricas, e non pretendan facer ver que estamos nunha confrontación civil. Se cadra Díaz Ayuso (e algúns outros) preferirían vivir no 36.

Ás veces parece que hai quen bota de menos os enfrontamentos, incluso que preferirían mundos máis agresivos para que a súa voz puidera ter máis eco. Este é un veleno que está dentro do noso sistema, e que ameaza con quedarse moi instalado. Lamentable. Alguén debería dicirlle a Ayuso que neste país non vai a saír ninguén a queimar igrexas, e que falar diso só pode significar dúas cousas: ou non tes nin idea do que pasa no mundo no que vives ou pretendes incitar que pasen cousas así porque te alimentas das desgracias e da división social. Calquera das dúas é triste pero a segunda opción, ademáis, é desprezable.

Queimar igrexas

Te puede interesar