A Carril, por ollar Cortegada

AAsociación de municipios de Parques nacionais (AMUPARNA) concedeu o seu Premio nacional 2015 ao pobo de Carril pola súa defensa constante da Illa de Cortegada.
Unha merecida homenaxe aos valores, á identidade, á  loita e ás súas xentes. 
Hoxe toca falar de Carril e Cortegada, de Cortegada e de Carril.
Cortegada é o noso principal valor, é a nosa xoia. Cortegada é patrimonio histórico, cultural, medioambiental, etnográfico, arquitectónico, paisaxístico.
Cortegada é a nosa identidade, en España hai máis de tres mil praias, pero só quince parques nacionais e Cortegada pertence ao Parque nacional das Illas atlánticas. 
Cortegada son as xentes de Carril,a súa defensa da illa e a súa loita durante xeracións para que hoxe finalmente sexa patrimonio de todos. 
Foron as xentes carrilexas, as que non asumiron o desterro da Illa, as que deixaron as súas casas e as súas terras obrigados polos gobernantes da época, para facerlle un regalo ao monarca de entón. E xa dende Carril, as súas xentes, seguiron ollando por ela durante os moitos anos de abandono, tanto durante o periodo que pasou de mans de Borbón a Borbón, coma durante os anos que pasou a ser propiedade dunha promotora inmobiliaria, despois dunha real e substanciosa operación de compra e venda. E foron precisamente moitas das xentes de Carril as que frearon coas súas mobilizacións as pretensións de converter a nosa xoia nun paraíso do terrorismo urbanístico. Grazas a esa presión popular Cortegada obtivo a consideración de Parque natural e pechábanse ás portas á urbanización da Illa.
Coa declaración de Parque Nacional e a posterior compra por parte da Xunta de Galicia no ano 2007, Cortegada é finalmente o que as xentes de Carril levan xeracións berrando, Cortegada é nosa.
Lamentablemente este pasado verán asistimos unha vez máis á loita das xentes de Carril por defender a súa xoia. Ante a falta de medios, armados de capachos e caldeiros e facendo unha gran cadea humán defenderon a illa do lume e, grazas a súa loita, o susto non chegou a traxedia. 
Cortegada é Carril, Carril é Cortegada, son Tino e Carolas, son todas as xentes carrilexas. Hoxe é a homenaxe ao pobo de Carril, aos veciños e veciñas de Carril, pola súa loita por preservar os seus valores, por preservar a súa identidade, por defender a súa illa e pola súa loita para que hoxe Cortegada sexa nosa.
*Voceira do grupo municipal do Partido
Socialista en Vilagarcía

A Carril, por ollar Cortegada

Te puede interesar