Jueves 15.11.2018

Urkullu e o dereito a decidir

As recentes declaracións do lehendakari Urkullu cuestionando a viabilidade da independencia de Euskadi

As recentes declaracións do lehendakari Urkullu cuestionando a viabilidade da independencia de Euskadi (tendo en conta a interdependencia coa que vivimos na UE xeraron certa polémica, polo que tiñan de manifestar unha certa renuncia aos obxectivos históricos dun importante sector do PNV, partillado dende outros sectores do nacionalismo vasco. En realidade Urkullu veu prantexar un pacto bilateral co Estado, na liña do pacto coa Coroa que defendían Arzallus ou Anasagasti ou do proxecto de Estatuto vasco contido no Plan Ibarretxe. O PNV quere estabilizar o sistema financeiro de cupo, que lle recoñece a plena autonomía fiscal e obter as demáis transferencias que lle dean a Euskadi a funcionalidade e fasquía dun Estado libre asociado, vencellado confederalmente ao Estado e á UE. Velaí como a proposta de Urkullu non está tan-nin moito menos- afastada dos obxectivos do independentismo catalán e, máis aínda, constituiría unha boa solución que permita coexistir a soberanía de Catalunya, Euskadi ou Galicia coa súa participación confederal nun Estado plurinacional e na propia Unión Europea.
Porén, o problema para esta convivencia plurinacional está na mentalidade recentralizadora e mesmo extractiva das elites financeira, mediática e política españolas e o seu vencellamento a un capitalismo de amigotes e BOE incompatíbel co autogoberno integral das nacións sen Estado. Nacionalidades hoxe subordinadas ao inmobilismo dunha Constitución que evoluiu nun sentido moi restritivo pola interpretación recentralizadora do Tribunal Constitucional e dos dous peares do bipartidismo dinástico.
Este relato da plurinacionalidade española e do dereito a decidir require de aliados políticos e sociais no resto do Estado, require de cidadanía española que entenda os dereitos nacionais de Galicia ou Catalunya. Velaí a importancia da evolución de Podemos neste ámbito e, tamèn, da evolución dos propios PSC, PSdeG ou PSE, nun tempo no que parte do centroesquerda estatal comeza xa a se decatar que o relato recentralizador e unionista que lle mercaron ao PP non lles permitirá nunca achegarse á realidade plural do Estado español.

Urkullu e o dereito a decidir
Comentarios