Cemiterio de esperanzas

Non teño unha teoría completa de cómo un mundo mellor podería organizarse. Vivín moitos anos e polo tanto pasei por moitas frustracións. Cando miro de cara atrás, vexo algo que semella moito a un cemiterio de esperanzas; esas que viñeron unhas detrás de outras e nunca chegaron a funcionar como se agardaba”.  Así falou Zygmunt Bauman, o sociólogo máis mediático en vida de todos os tempos, tamén coa obra publicada máis extensa de entre os grandes referentes da disciplina, que vén de morrer de morte natural pasada a liña de vida dos noventa e un anos. Estraños chamando á porta, o título da súa última obra publicada nesta contorna, é como se fose un vaticíneo da final biolóxica por máis que nela aborde o tema sangrante dos refuxiados.
Bauman, coa experiencia persoal da traxectoria do comunismo polaco que non foi quen de asimilalo a súa burocracia e coa participación académica no emerxente Israel que derivou cara o sionismo por el duramente criticado ata comparar o muro levantado para illar aos palestinos coa simboloxía histórica do construído polos nazis para enclaustrar aos xudeus no gueto de Varsovia, rematou no mundo universitario británico radiografando con fina certeza o mundo capitalista da globalización e a súa utilización para facer precario o universo das clases media e traballadora.
É seguro que será lembrado como o teórico do concepto de “modernidade líquida”, esa forma de organización social na que nada fica, na que todo é fuxidío, incompleto, indefinido; polo tanto onde todo o sólido voa polo aire. A ética pública esnafrou, a misión colectiva que vai implícita na modernidade clásica esvarou. O poder xa non está na man da política, emigrou a outras instancias fóra de todo control democrático. 
Os dereitos económicos están para alén do límite que acada o Estado e os dereitos políticos bailan ao son do pensamento único que impón ese mercado selvático, intencionadamente carente de regulación; e os dereitos sociais pasan a mellor vida no canto do deber individual de coidar de nós mesmos. Sen discusión, o planeta vai á deriva.
Por iso “ ninguén se atopa seguro hoxe, non se confía no porvir”; é tempo de traballos en precario cunha mocidade que por vez primeira, desde os anos cincuenta, non iniciarán a súa traxectoria a partir do acadado polos seus pais. Non miran ao futuro, están paralizados e á defensiva, necesitados dun movemento de cambio global que os arranque do cemiterio da esperanza.  

Cemiterio de esperanzas

Te puede interesar