Conta atrás no temporizador

O temporizador é ese dispositivo electrónico que pon en funcionamento o mecanismo dun aparello durante un intervalo de tempo determinado ou que serve para avisar, cun chío intenso, da finalización dun período de retardo. Función esta última que coñecemos pola conta atrás, nun proceso imparable no que se vai consumindo o ciclo restante dun momento que anuncia o inevitable fin. Metáfora do instante político que se está a vivir coa campaña das inmediatas eleccións locais e autonómicas.
Omega e alfa, fin e principio, dunha longa etapa de gobernos alternantes baseados en partidos dominantes que están chamados a explorar unha nova cultura de coalicións. Velaí o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas coas previsións de voto estimado, debidamente traballado na cociña, iso si, no que se mostra unha radiografía clara do estado de opinión pública a respecto da súa intención de pasar factura á xestión política dos anos dunha crise provocada que aínda non ten fin.
A sorprendente forza no apoio popular que acadan as novas marcas políticas, para alén do acertado deseño da súa imaxe e propostas, ten a ver con ese fenómeno sociolóxico que coñecemos por “presión do vapor de saturación”. As vítimas das políticas laborais que provocaron desemprego ou traballos de miseria; a emigración forzada de xente moza á procura do seu emprego ou medio de vida; a cidadanía que forma parte das familias que están baixo o limiar da pobreza causada pola extrema diminución da protección, as que viron eliminados os servizos de amparo e axuda social, os que se lles suprimiu de forma inxustificable as axudas á dependencia, os que ficaron sen becas educativas ou viron reducida a súa contía; e todas esas outras persoas damnificadas polos recortes e privatizacións en sanidade, ensino e servizos básicos á comunidade; millóns de electores que, por lóxica humana, van estoupar a presión asfixiante que aturaron cun voto a favor dos novos para castigar aos vellos.
Aquí, no ámbito galego, as opcións son ben diferentes. Si. O que está en xogo é a necesidade de acadar concellos transparentes, éticos e responsables nos que se poda vivir e traballar coa dignidade que esixe o ser humano. Gobernos ao servizo do pobo para un país libre e novo.
Na conta atrás do temporizador faltan xa poucos días para inaugurar un futuro no que será preciso entenderse e compartir, entre forzas políticas chamadas a construír unha nova cultura de gobernos de suma común. É cousa boa. 

Conta atrás no temporizador

Te puede interesar