Crebar cadeas

Co paso dos anos, a historia proba que foi ben atinada a proposta de celebrar nunha data simbólica a festa das Letras Galegas, iniciativa impulsada por tres académicos no ámbito da Real Academia Galega que botou andar esta conmemoración cincuenta e cinco anos atrás, en 1963, tomando de referente o 17 de maio, dedicado a Rosalía de Castro no centenario de “Cantares gallegos”, considerada a primeira obra mesta do rexurdimento na nosa lingua. Esta celebración “latexo material da actividade intelectual galega” tivo un alcance e unha significación extraordinaria dende esa primeira convocatoria, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes sociais de carácter popular do país. Para alén do interese limitado ao mundo do libro, nas últimas décadas converteuse tamén nun berro a prol dos dereitos lingüísticos que, nesta ocasión, collen unha especial dimensión pola alegoría da homenaxeada, María Vitoria Moreno.  
Velaí, a noutrora profesora de ensino medio que rematou carreira en institutos do Salnés e Pontevedra, a súa cidade de residencia e ancoraxe social e cultural, é demostración de compromiso no uso e popularización do idioma gago que ela adoptou e amou con paixón, partindo da súa condición de castelán falante como lingua natural dunha nena nacida e medrada en terras de Cáceres, con paso vital e formación posterior por lugares de Castela, Cataluña e Madrid, sitio da súa carreira universitaria. Porén, chegada ao territorio galego de acollida, non dubidou na aprendizaxe e uso cotiá da lingua que é propia deste singular territorio; e sostivo: A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor, na que non falta ese compoñente de sufrimento que é consubstancial a tódalas historia de amor; porque “a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala”.  
Identificación, militancia no idioma e divulgación dende a súa faceta docente e literaria. A autora de “Anagnórise” é modelo exemplar de conduta lingüística, un espello no que mirarse acotío para vivir “en galego dia a dia”, causa da convocatoria que chama a reclamar das autoridades o respecto, promoción e amparo a favor dos nosos dereitos lingüísticos. Ollando tamén de cara á responsabilidade individual como nos propón a campaña do Concello de Carballo para “usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais” sen restrición, sen límites, sen dereitos reservados. Para corazóns contentos, compras e caprichos, conxeniar e convivir, para cálidas cancións, paras cafés e confidencias, cabezas creativas, cóxegas cómplices, conversas cruzas, celebrar conquistas ou crebar cadeas. Iso é, con compromiso certo, a crebar cadeas. 

Crebar cadeas

Te puede interesar