O dragón que papou á xustiza

Odragón é un animal mitolóxico da cultura chinesa que goza de extraordinarios poderes, asociados á crueldade dos seus emperadores que teñen nesa figura a pedra angular do autoritarismo. Como criatura fantasmagórica e artificial, que así é, o seu deseño responde ao modelo dun crocodilo tuneado co engadido de anacos doutros nove animais diferentes. A máis de meter medo ten outros atributos, entre eles o de axente meteorolóxico regulador do tempo, especialmente no que respecta á chuvia. En principio semella ter unha competencia limitada ao territorio de China, razón pola que debe descartarse a súa influenza sobre o encadeamento de temporais, tormentas explosivas e auga incesante que asolaga o noso país. Desbótase tamén porque está concentrado en devorar ao “principio de xustiza universal” consagrado no mandato constitucional español a través da Lei Orgánica do Poder Xudicial. Iso é así porque o goberno de Pekín está moi cabreado co español á vista do atrevemento dun xuíz que ven de ditar unha orde de detención internacional contra o antigo presidente e outro vello mandatario da Terra do Dragón, como máximos responsables da cruel represión en contra da cidadanía do Tïbet. Calmemos ao Goberno chinés co método tradicional: mirando para outro lado. Para iso, Rajoy atento aos negocios que para el é máis importante que os ideais, move ficha cunha présa que non é normal no modo de gobernar que ten: “modifiquemos a lei para que isto non cree problemas diplomáticos”. Á velocidade dun lostrego, o grupo do Partido Popular no Congreso do Deputados, presenta e aproba en solitario unha proposición, de xeito que xa non será posible xulgar neste territorio da pel de touro a responsables dos crimes de lesa humanidade; e dicir, dos xenocidios, actos de guerra, execucións fóra da xustiza, desaparicións forzadas e torturas. Para que o asunto non cante moito déixase a posibilidade de continuar a facelo para o caso dado de que se teñan producido no territorio español ou afecte á nosa xente fóra del. Non importa tirar pola borda os principios, compromisos e tratados internacionais  asinados con anterioridade. Foi bonito mentres durou. Coa reforma quedarán desbotados parte das trece causa en proceso. Tranquilizamos aos orientais; e, de paso, librámonos da presión do amigo americano, da crueldade de Guantánamo, do sadismo no cárcere de Abu Ghraib e do asasinato de Xosé Couso. Lei de punto e final.

O dragón que papou á xustiza

Te puede interesar