Mil pequenas primaveras

un acontecemento cultural duplo pon luz sobre a Asociación Irimia. Primeiro, porque vén celebrando o seu corenta aniversario dende que se botou ao camiño a partir dunha xornada de reflexión sobre o papel da Igrexa en Galiza, á sombra do concilio ecuménico, organizando a  pioneira romaxe dos “crentes galegos” no Pedregal de Irimia, lugar do nacemento do Río Miño e topografía que marcou a súa identidade posterior que se materializou en forma de asociación cultural de base. O segundo éxito, na lembranza desta entidade forxada nos valores do voluntariado, está a punto de ver luz: As mil pequenas primaveras que se simbolizarán no número que fai o milleiro da súa publicación periódica, Irimia, un fito entre as revistas editadas en lingua galega que moi poucas antes teñen acadado; e ningunha feita dende o traballo altruísta gratuíto. 

Irimia partiu da base de saber que “aínda que ciscados, había moita xente en Galiza que se identificaba cun, digamos, proxecto vital que discorre entre os valores do Evanxeo e o sentimento de pertenza á Galeguidade”. Trataron de asumir no estilo de vida expresións coma diálogo, tolerancia, solidariedade, loita pola xustiza, polos que non contan. A necesidade de artellar todo ese movemento, bastante difuso, e estruturalo deu orixe ao posterior nacemento da entidade asociativa, con estatuto civil, co obxectivo de contribuír ao pulo do noso patrimonio cultural e lingüístico á par da espiritualidade galega e cristiá. O proxecto deu moito froito sobranceiro.


Aínda que o fenómeno da Romaxe de Crentes Galegos puidese acochar a un plano menos relevante o labor editorial, a revista nas súas sucesivas etapas diferenciadas foi a canle que solidificou unha causa colectiva que se move dende unha evidente orixinade; a comezar por un certo “ecumenismo de corredoira, híbrido, aberto e non dogmático”. Sen equidistancias, mais buscando equilibrio e independencia das beiras de babor ou estribor. Con personalidade de seu que defenden os seu actores afirmando “que si, que abofé que temos fe, pero sobre todo queremos ser xente de boa fe. Fe nunha decidida maneira de estar no mundo: a das mesas compartidas, a do que baixa do cabalo para atender ao que cae, a de dar vista ao cego, voz ao mudo, liberdade á oprimida. Ecumenismo da esperanza compartida, cos pés na nosa terra, nesta terra. “Ese ecumenismo da xustiza que una a crentes críticas e moi diversas, a escépticos honestos, a pesimistas esperanzados, a agnósticos humanista e a ateos grazas a Deus”.  
Veñan mil primaveras máis para “esa rede de persoas, grupos e comunidades con poder de inspiración e vocación” que manteñen vivo este patrimonio no papel e na rede de internet. Unha “cousa pequeniña que non quere se máis grande do que é”, capaz de facer un milagre cultural. 

Mil pequenas primaveras

Te puede interesar