Aquela pioneira gramática da lingua

significativo para lingua galega, porén agochado entre a manchea de celebracións artísticas e festas literarias de gardar, peta na porta da memoria dun patrimonio inmaterial colectivo a conmemoración do 150 aniversario da, por relevante, publicación da pioneira “Gramática Gallega”, da autoría de Juan Antonio Saco Arce; presbítero ourensán formado na institución eclesiástica da época que o levaría á pedagoxía como catedrático de grego en varios institutos do país, ente eles os de Pontevedra e Ourense. Esta obra, editada en 1868 na imprenta luguesa de Manuel Soto Freire, xunguindo a comuñón de compromiso que unía a ámbolos dous coa cultura galega do rexurdimento, marcou un fito que non debe, en boa xustiza, deixar de lembrarse se miramos para atrás, ollando na dificultade ou atrancos que agora, século e medio máis tarde, continúa a impedir a satisfactoria normalización social do noso idioma.
A historia patria aínda ten por afondar nunha outra publicación que precedeu á de Saco Arce; é o caso da titulada “Compendio de Gramática Galega-Castellana” do compostelán Francisco Mirás que na valoración académica que continúa vixente hoxe en día foi sentenciada por non apta para ser a primeira recoñecida “pola súa escasa calidade e o carácter rotundamente incompleto da obra”; e, dese xeito, outorgar á do fillo de Toén esa primacía. Este último, descrito por Otero Pedrayo como aquel persoeiro que coa “súa figura de sacerdote douto e ascético marchaba polas rúas, engaiolado nas súas cavilacións, foi para uns un santo e para outros era un implacable representante do Tradicionalismo que o levou a rexeitar o xuramento de fidelidade á Primeira República” decisión que o afastou do ensino ao que retornaría ao pouco para trocar a didáctica da lingua grega pola cátedra de Retórica e Poética; aulas que sempre comezaba “coa explicación dalgún punto da mitoloxía”.  A súa ideoloxía non impide recoñecer o valor da súa contribución á normativización do idioma; e, tamén, ao traballo de pescuda, catalogación e divulgación do relato de tradición oral, especialmente do refraneiro popular, que fai del un sobranceiro folclorista. 
Moito choveu; e, de certo, continúa sen escampar se tiramos da metáfora. Contamos con normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego; rigorosas e ben traballadas gramáticas que, para alén da existencia de diferentes almas filolóxicas a respecto da orientación que debe seguir a lingua galega, contan coa labor de institucións públicas ou algo que semella ser iso, caso da Real Academia Galega, do Consello da Cultura; e, tamén, de iniciativas de carácter máis privado e aínda así non menores nas achegas de nivel á casa do idioma. A mala nova ben da estatística do uso. Un andazo que, de non mediar política seria, fenderá os cimentos da identidade singular. 

Aquela pioneira gramática da lingua

Te puede interesar