Sempre Castelao

sempre en Galiza, a magna obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conmemora o setenta e cinco aniversario da súa publicación, por vez primeira, anunciado á luz pública o 10 de marzo de 1944 coa Edición “As Burgas” do Centro Ourensán de Bos Aires, na Arxentina. Neste traballo de ensaio político, con certeza o máis difundido e influinte a respecto do ideario nacionalista galego, o seu autor fixou como obxectivo “demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfecta, e que, polo tanto ten dereito a dispor dos seus destinos”. As vodas de platino deste libro canónico é coincidente co anuncio de verse na necesidade de prorrogar a exposición “Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia” que o Consello da Cultura Galega mantén aberta dende o pasado mes de novembro no compostelá centro de San Domingos de Bonaval, pola que pasaron miles de persoas. Lembremos, tamén, que vén de pór remate a denominada “Castelao maxistral”, na Cidade da Cultural co impacto emocional da exposición do cadro “A derradeira lección do mestre”, visitada por miles e miles de persoas que fan de Castelao, e da súa obra, figura viva e actual.
Sempre en Galiza, como obra, está formada polo compendio de artigos, ensaios, conferencias e discursos que xa publicara ou pronunciara Castelao; ao que engadiu unha parte especificamente preparada para o libro de xeito que no seu conxunto ofrece unha estrutura ordenada e coherente a respecto da finalidade perseguida. Así, no “Adro”, prólogo ou limiar, van artigos xornalísticos que o rianxeiro universal escribiu no exilio forzado ao que se viu sometido en Badaxoz, aparecidos no semanario A Nosa Terra perante o ano 1935.  Do mesmo xeito, na considerada “primeira parte” do ensaio están os escritos aparecidos en Nueva Galicia, o diario que publicaban en Madrid os exiliados naturais do país nos días da cruel sublevación militar e asedio á capital do Estado polas tropas de Franco.  A “segunda parte” é reflexión que produciu a súa estadía en Nova York  na viaxe que alí fixo en 1940. Finalmente, nos últimos capítulos da obra de ensaio, a “terceira e cuarta parte”, está o texto da reflexión orixinal que construíu especificamente para o libro nos dous anos precedentes, no exilio bonaerense. Leva o xermolo do futuro discurso “Alba de Gloria”.  
Sempre en Galiza é metáfora na denuncia de explotación do país, “a nosa vaca ten o presebe en Galiza e os tetos en Madrid polo que quen dá de comer á vaca non ten dereito a muxila”,  marcando o camiño a seguir para que isto remate: “Galiza só merecerá respecto cando abandonemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seriamos con vida independente”; porque “se aínda somos galegos e por obra e graza do idioma”.

Sempre Castelao

Te puede interesar