O festival Revenidas pecha o seu cartel coa incorporación de El Drogas

O festival Revenidas pecha o seu cartel coa incorporación de El Drogas

O cartel do Festival Revenidas 2018 está xa pechado. A organización acaba de anunciar a actuación de Enrique Villareal, coñecido polo nome artístico de El Drogas, para a noite do sábado. Péchase así unha nova edición desta cita cultural que converterá a Vilaxoán nun fervedoiro musical os días 17, 18 e 19 de agosto.
Para aqueles que non o coñezan El Drogas estivo durante case 30 anos co mítico grupo Barricada, como cantante e como baixista. Foi esta unha tarefa que compaxinou con Txarrena e con La venganza de la abuela. Conta no seu currículo con 20 discos de estudo, 7 en directo e outros tantos recompilatorios. No seu palmarés figuran máis de 200 actuacións e máis de cen colaboracións con outros artistas. O rock urbano e os ramalazos do punk son o seu sinal de identidade sobre o escenario.
O sábado 18
El Drogas actuará o sábado 18 xunto a Tremenda Jauría, Steven ‘n’ Seagulls, Cuarta Xusta, NH3, Glaukoma e Isaac DJ.
     O público que asista ao recinto vilaxoanés o venres 17 poderá gozar das actuacións de Soziedad Alcoholika, Ayax y Prok, the Real Mckenzies, Ezetaerre, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Balkan bomba, Keltoi! e María Turme DJ.
       Na xornada do domingo o ritmo correrá a cargo de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, El Diluvi, Auxili e The Dawlins.
       Dende a organización deste “festival das linguas” seguen a apostar pola combinación de espazos de balde para o lecer da familia e cos concertos de pago.
     Os interesados en mercar as entradas para esta cita musical poden facelo xa a través da páxina web www.revenidas.com. O prezo do abono de 3 días é de 35 euros e a entrada para un só día é de 20. Nos próximos días habilitaranse puntos de venda físicos onde tamén será posible comprar.
     Cabe recordar que o Revenidas non só é música e espectáculo, senón que é tamén tradición. Na xornada do sábado, nas inmediacións do Parque de Dona Concha, terá lugar a gran sardiñada popular das “revenidas”, ata agotar existencias. A cita reúne a familias enteiras nun xantar de confraternidade e a actividades de distracción e diversión en plena rúa. l

O festival Revenidas pecha o seu cartel coa incorporación de El Drogas

Te puede interesar